RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

As tarefas tácticas foron protagonistas da sesión de hoxe martes

O traballo táctico foi o protagonista esta mañá no adestramento do Dépor, único previsto hoxe martes.

Despois da esixente sesión física de onte pola tarde, Borja Jiménez colleu as rendas e dispuxo un exercicio defensivo e outro ofensivo coa mente posta no sábado 13 de agosto en ABANCA-RIAZOR ás 20:30 horas, día e hora da LXXVII edición do Trofeo Teresa Herrera ante o FC Metalist Kharkiv ucraíno. Será a quinta cita da Dépor Xira Integral Motion 2022 e único partido na Coruña do verán antes de arrancar a liga en Primera Federación o 27 ou 28 de agosto.

Un partido 9 contra 9 e unha tarefa específica da defensa completaron a xornada de traballo no céspede.

Estiveron hoxe martes con traballo individualizado Héctor Hernández, Ibai Gómez, Raúl Carnero e Diego Villares, este a consecuencia dunhas molestias nun xeonllo, pendente de evolución nos próximos días. Todos seguiron o traballo táctico desde un dos bancos.

No acto da súa presentación hoxe martes, Roberto Olabe asegurou sentirse "moito mellor" das súas molestias musculares. "Foi unha pena que tivese eses problemas na primeira semana. Por non querer parar complicouse un pouco máis. Veño traballando estas últimas semanas moi ben cos Servizos Médicos e atópome moito mellor. A ver se esta semana podo realizar algún adestramento co equipo", indicou o futbolista vasco, que xa fai tarefas co resto dos seus compañeiros.

Yeremay, Mella, Jairo e Dani Barcia foron os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Mañá mércores 10 de agosto, o Dépor adestrarase de novo na Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas, aínda que os futbolistas están citados na instalación ás 9:00 para almorzar.