RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Asubío inicial para o Dépor ABANCA, mañá domingo en Abegondo ante o Rayo Vallecano

O Dépor ABANCA cítase mañá domingo 11 de setembro ás 12:00 en Abegondo co Rayo Vallecano, un dos clubs clásicos no fútbol feminino nacional, na 1ª xornada en Primeira Federación FutFem.

O equipo branquiazul chega a este debut ligueiro con só unha derrota na pretemporada. O recentemente descendido de Primeira División SD Eibar, e pola mínima (1-2), foi o único equipo en todo o verán capaz de dobregar ás pupilas de Irene Ferreras. Todo os demais foron ou ben triunfos ante o Valadares Gaia FC (2-4), Viaxes InterRías FF (0-2) e Athletic Club B (3-0); ou ben empates ante FC Famalicão (2-2) e Real Oviedo (1-1), resoltos ambos nos penaltis a favor das branquiazuis. O balance goleador é ademais claramente favorable ao Deportivo ABANCA, que neste test amigables anotou 13 dianas e encaixou 7.

Irene Ferreras citou a 18 xogadoras, entre as que non se atopa a última novidade, Sara Navarro, incorporada o pasado luns, finalizado o mercado de fichaxes, como axente libre. "Pódenos achegar moito. Ten dous ascensos na súa traxectoria coa SD Eibar e a temporada pasada co FC Levante Las Planas. Ten experiencia en Primeira. Por perfil vai sumar moito tanto a nivel persoal como profesional", comentou respecto diso o pasado mércores en rolda de prensa Rocío Candal, responsable do Dépor ABANCA. Sara Navarro última a súa fase de adaptación ao grupo após estes primeiros días na Coruña.

Quedan fóra por lesión Letti Sevilla, cunha escordadura do ligamento lateral interno do seu xeonllo dereito; Carlota Sánchez, na recta final da súa recuperación do xeonllo operado antes da pretemporada; e Lorena Reina, á que se referiu o pasado xoves Irene Ferreras en rolda de prensa: "O outro día tivemos un sustiño (no seu xeonllo dereito). Quedou niso, así que eu creo que nuns días incorporarase co grupo".

Paula Novo, Noela e Paula Monteagudo representan a #ANOSACANTEIRA na citación.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforo e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforo nun proceso 100 % telemático.

A xestión pode realizarse desde a publicación desta nota informativa e até completar o aforo. As socias e socios do RC Deportivo terán prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até o venres 8 ás 23:59 h. A partir dese momento, se houbese aforo aínda dispoñible, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o encontro ligueiro, o cadro adestrarase de novo o luns 12 de setembro ás 09:00 en Abegondo posto que, sen descanso, o Dépor ABANCA recibe o mércores 14 de setembro ás 16:30 ao CD Parquesol na  primeira eliminatoria de Copa de la Reina, a partido único.