RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

"Boas sensacións" no triunfo do Dépor ABANCA por 1-3 no amigable ante o Real Oviedo no Requexón

-Foto:@https://x.com/RealOviedoFem

 

Nesta segunda semana consecutiva sen liga a consecuencia dos compromisos das seleccións nacionais, o Dépor ABANCA disputou un partido de adestramento.

Foi este venres 6 de marzo na cidade deportiva do Requexón ante o Real Oviedo.

O conxunto carbayón pecha actualmente a clasificación en Primera Federación FutFem.

O resultado foi de 1-3 para As Nosas.

Fran Alonso non puido contar coas internacionais Inês Pereira, Marisa e Espe Pizarro.

Tamén foi baixa Michi Apóstol que regresou á Coruña da concentración de Venezuela cunha fractura de clavícula que lle obrigará a pasar polo quirófano do Hospital Quirónsalud A Coruña.

E tampouco viaxaron as canteirás que están en dinámica do primeiro equipo: Lucía Rivas, Paula Novo, Redru e Carmen Carballada.

Todas elas adéstranse estes días co filial e competen este sábado 7 de marzo contra o Athletic Club B en Lezama, en partido da xornada de Segunda Federación.

Os goles foron obra de Bárbara (min. 12), Eva Dios (min. 52) e Hilda Magaia (min. 75), que se estreaba como goleadora no seu primeiro encontro coa camiseta branquiazul.

O técnico deportivista cre que o partido supuxo "uns minutos importantes sobre todo para algunha xogadora con falta de minutos. Foi un partido con bastante intensidade. Grazas a Deus non houbo ningunha lesionada en ningún dos dous equipos. Foi un bo partido".

Cre que o amigable "nos serviu para traballar algúns aspectos que queriamos. Son moi bos minutos. Dúas semanas sen competir eran excesivas e veunos moi ben".

Queda Fran Alonso coas "boas sensacións, debut e titularidade para Hildah Magaia. No cómputo global un bo partido que nos vale de preparación para o que queda de liga".

Deportivo ABANCA: Yohana, Samara (Carlota, min. 70), Marina Artero, Elena (Merle Barth, min. 62), Monteagudo (Ainhoa Marín, min. 70), Henar (Vera, min. 55), Lucía Martínez, Eva Dios (Raquel, min. 55), Lía (Paula Gutiérrez, min. 70), Bárbara e Hildah Magaia

Finalizado o encontro, As Nosas regresaron á Coruña e adéstranse de novo este sábado 7 de marzo ás 10:45 no Dépor Training Center.