RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Paula Monteagudo, após a súa renovación: "Sinto este Club como parte do meu fogar, da miña familia"

Paula Monteagudo compareceu na sala de prensa do Dépor Training Center confirmada a súa renovación até xuño de 2027.

Estivo acompañada por Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA, quen subliñou que "é unha satisfacción para todos. É unha xogadora que leva moitos anos connosco, que creceu da man do Dépor ABANCA e o Dépor ABANCA da man dela. Fomos conseguindo obxectivos xuntos. E o mellor está por vir".

Cre que "é un momento especial pola confianza que houbo sempre, por crer no proceso, porque foi cumprindo todas as etapas e demostra ás nenas que veñen por abaixo que se pode chegar sen apurar os prazos. Seguro que nos vai a dar moitas alegrías. Xa a temos ao 100% despues da lesión que sufriu ante a SD Eibar cando estaba nun gran momento de forma".

Pola súa banda, Paula Monteagudo confesou estar "moi contenta, moi feliz. Son moitos anos aquí. Sinto este Club como parte do meu fogar, da miña familia".

Apunta que "cando podes estar onde queres estar non hai maior satisfacción".

A defensa deportivista explica que, unha vez recuperada, "estou a coller o ritmo do equipo aos poucos. E con ganas de ir sumando minutos, de poder achegar e axudar ao equipo en todo o que sexa posible. E seguir progresando".

Sobre a temporada en Liga F, Paula Monteagudo opina que "empezamos moi ben. Logo encadeamos unha xeira un pouco negativa pero o equipo está a recomporse moi ben, estamos nun bo momento agora mesmo. Temos que aproveitar isto, coller impulso".

Quixo finalmente "facer un chamamento a #ANOSAFORZA para que se anime a vir vernos contra o Barça en ABANCA-RIAZOR (o domingo 15 de marzo ás 12:00). Sempre é un gran apoio o seu alento. Quédannos bastantes partidos para facer cousas bonitas e estou convencida que imos ir a mellor".