RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Bóveda asegura que o Club "puxo todo o sentido común do mundo ao que pasou"

Eneko Bóveda, un dos capitáns do Dépor, compareceu en rolda de prensa no Hotel Meliá Alacante, nada máis baixarse do autocar que trasladou aos 19 convocados branquiazuis desde a cidade alacantina até o Estadio Guillermo Amor de Benidorm, escenario da sesión de traballo de hoxe domingo.

O defensor deportivista apunta que a todo o que pasou, en referencia ao adiamento do partido en Elxe até o vindeiro martes 4 de xuño (21:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), "púxoselle desde aquí todo o sentido común do mundo. Tomáronse todas as decisións en poucos minutos aceptadas e compartidas por todos. É unha cousa que vai pasar poucas veces, que desgraciadamente vén polo que vén. Pero a nivel de preparación de partido non supón ningunha traba".

Insiste Eneko que "as condicións e organización que temos aquí son perfectas, como ten que ser. Non vai haber ningún problema". "O motivo (do adiamento) é razoable e lóxico. Nós somos deportistas. O que necesitamos ou o que nos convén de cara a un partido é descansar ben, alimentarnos ben e adestrar ben. As 3 patas do banco están totalmente cubertas e garantidas", engade.

Do rival, ponse en situación dun xogador do Elxe agora e pregúntase o defensor vasco que "por que vou xogar peor do que podo xogar? As motivacións dos futbolistas non son só subir, facer play off, salvarse... As motivacións dun futbolista é verte a ti mesmo ben, gustar ao adestrador que se cadra o ano que vén tamén o tes, renovar e sacar mellor contrato... Mil cousas que temos día a día. O normal é que o Elche sexa o Elche, un equipo moi bo, mellor mesmo na segunda volta que na primeira, e que teñamos dificultades", vaticina.

Pide nestes dous partidos tan seguidos (martes 4 en Elxe e sábado 8 en ABANCA-RIAZOR ante o Córdoba CF) que restan para acabar a liga "dar nosa mellor versión. Podemos pensar que poida ser un pequeno adestramento, adaptación ao corpo do que pode vir en play off, que son partidos con pouca recuperación, con pouca marxe de recuperación. Semanas de Champions. Esta semana xa empeza esa roda".

A nivel persoal, indica que "a miña temporada cambia bastante da primeira volta á segunda; ou mesmo dun adestrador a outro. Asumir o que toque en cada momento e gozar máis cando hai máis opcións de xogar. Oxalá toda a miña vida xogue, xogue e xogue; aínda que vai ser máis difícil".