RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Calendario de #ANOSACANTEIRA, con Fabril e Dépor ABANCA B mañá sábado en Abegondo

Semana cargada de partidos para #ANOSACANTEIRA, con citas practicamente todos os días; e, concretamente, dous partidos mañá sábado en Abegondo.

O Fabril mídese ás 16:30 na Cidade Deportiva ao Alondras CF co obxectivo de reencontrarse coa vitoria.

O conxunto fabrilista celebra esta semana a convocatoria de David Mella pola selección española sub-17 para o Minitorneo Elite de Bosnia Herzegovina deste mes de marzo.

Óscar Gilsanz citou aos seguintes xogadores: Alberto, Brais Suárez, José Currás, Iano Simão, Juan Rodríguez, Dani Barcia, David Suárez, Brais Val, Javi Sanmartín, Mario Domínguez, Barba, Fabio, Nájera, Runy Víctor, Mella, Juan Cambón, Davo e Jairo.

O técnico fabrilista asegura que "o equipo está con moitas ganas. Despois dunha moi boa semana de adestramentos e do partido que fixemos a pasada fin de semana no Barco, os rapaces están a desexar volver a Abegondo e facer un bo partido diante de #ANOSAFORZA".

Óscar Gilsanz quere "seguir crecendo, seguir sendo un equipo que vaia aínda a máis, que os xogadores se atrevan a facer máis cousas. Despois do partido no Barco as sensacións son boas. A clave está en como encaremos o partido desde o principio, en seguir dando a mellor versión de nós mesmos".

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva para o partido.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros para cada partido.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado, portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentados até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).

Pola súa banda, o filial feminino xogou o pasado martes un amigable ante a Selección Galega sub-17, que se saldou con vitoria branquiazul (3-0). Trillo, Marta Méndez e María Calvo foron as goleadoras.

Kevin Cabado, técnico do Depór ABANCA B, contou para este choque con 13 xogadoras do Orzán SD: 3 do cadro xuvenil de Primeira División Galega e 10 do cadete de Liga Galega.

As deportivistas disputan mañá sábado 19 de marzo ás 16:15 en Abegondo o seu partido aprazado ante o CF Versalles correspondente á 16ª xornada.

As xogadoras convocadas son as seguintes: Uxía Rabuñal, Martina, María Calvo, Andrea Ansede, Elena López 'Cusi', Lucía Mariño, Uxía López, Marta Rico, Carmen Carballada, Laura Testa, Mar Sierra, Abril Pazos, Trillo, Méndez e Laura Otero.

Tati, Noela, Paula Monteagudo e Aroa Guerra son baixa por estar citadas co primeiro equipo.

A Federación Española, co obxectivo de "preservar o normal desenvolvemento da competición", decidiu adiantar "á primeira data dispoñible" o partido aprazado no seu día correspondente á 17ª xornada entre o CD Olímpico de León e o Deportivo ABANCA B. Así, en lugar do mércores 13 de abril, como estaba inicialmente previsto polo órgano federativo, o encontro terá lugar o mércores 23 de marzo ás 17:00 horas.

O pasado martes celebrouse o encontro da pasada fin de semana correspondente á 21ª xornada de liga do subgrupo A da División de Honra entre o Cadete e o CD Lugo. Este cambio de data foi debido á participación do equipo branquiazul no Torneo Internacional do Algarve (Portugal), no que logrou a quinta praza.

O triunfo foi para un equipo deportivista (8-1) xa campión do subgrupo desde hai varias semanas. O Cadete conclúe esta fase mañá sábado (16:30) en Bertamiráns.

Tamén mañá sábado, ademais dos alevíns e benxamíns na Torre, a Infantil visita (11:30, campo de Sinde en Narón) ao SD O Val, o Orzán SD Cadete Feminino (16:00 horas, campo Luis Gorgoso de Lugo) á SCD Milagrosa e o Orzán SD Infantil Feminino (10:00 no campo Víctor Fernández Alonso da Coruña) ao Victoria CF.

Para o domingo 20 de marzo queda o primeiro partido do Orzán SD Xuvenil Feminino na Fase de Descenso da Primeira División Galega. Será ás 16:00 na Torre (campo 1) ante a SD Xuventú de Aguiño.

Atlántida Matamá, PM Friol B, SD Tordoia, Tomiño FC Femenino e SD Xuventú Aguiño son os rivais orzanistas nesta segunda fase.

O formato de competición será de liga a dobre volta, cun total de 10 xornadas. Tense en conta a puntuación da primeira fase. Desta forma, o Orzán SD Xuvenil Feminino, cuarto na primeira parte da temporada, comeza esta segunda como líder do subgrupo con 6 puntos. Os dous últimos clasificados baixarán a Segunda División.

Ademais, en Abegondo o mesmo domingo, o Xuvenil A enfróntase (12:00 horas) ao Atlético Perines; e o Alevín ao CD Calasanz (11:30) en choque correspondente á 3ª xornada do Trofeo Luis Calvo de fútbol 11.

Finalmente, o pasado mércores o Xuvenil B impúxose (2-1) ao Bergantiños CF en partido da Liga Nacional adiantado ao fin de semana. O motivo é que o cadro de Miguel Figueira xoga o Torneo do Algarve desde hoxe venres.

O calendario de partidos desta semana, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:

Terceira RFEF
28ª xornada: FABRIL - ALONDRAS CF, o sábado 19 de marzo ás 16:30 en Abegondo
Clasificación: ... 5. CD Barco (un partido menos) e Racing Villalbés, 41 puntos; 7. CD Estradense (un partido menos), 35 puntos; 8. Fabril (tres partidos menos), 33 puntos; 9. Viveiro CF, 31 puntos; 10. CSD Arzúa (dous partidos menos), 30 puntos...

Categoría feminina
Amigable: DEPORTIVO ABANCA B 3 (Trillo, Marta Méndez e María Calvo) - SELECCIÓN GALEGA SUB-17 0
16ª xornada: DEPORTIVO ABANCA B - CF VERSALLES, o sábado 19 de marzo ás 16:15 en Abegondo
Clasificación da Primeira Nacional: ... 3. Sárdoma CF (un partido menos) e Oviedo Moderno CF B (un partido menos), 39 puntos; 5. Deportivo ABANCA B (dous partidos menos) e Umia CF (un partido menos), 34 puntos; 7. Victoria CF (dous partidos menos), 30 puntos...

1ª xornada: ORZÁN SD XUVENIL FEMININO - SD XUVENTÚ AGUIÑO, o domingo 20 de marzo ás 16:00 na Torre
Clasificación da Fase de Descenso de Primeira División, subgrupo 1º: 1. Orzán SD Xuvenil Feminino, 6 puntos; 2. Tomiño FC Femenino, 5 puntos; 3. PM Friol B, 4 puntos...

17ª xornada: SCD MILAGROSA - ORZÁN SD CADETE FEMININO, o sábado 19 de marzo ás 16:00 no campo Luis Gorgoso (Lugo)
Clasificación da Liga Galega Cadete: 1. Victoria CF, 38 puntos; 2. Orzán SD Cadete Feminino, 37 puntos; 3. Sárdoma CF, 32 puntos...

3ª xornada: VICTORIA CF - ORZÁN SD INFANTIL FEMININO, o sábado 19 de marzo ás 10:00 no campo Víctor Fernández Alonso (A Coruña)
Clasificación da Fase polo Título Galego: 1. Victoria CF, 10 puntos; 2. Orzán SD Infantil Feminino, 8 puntos; 3. UD Mos, 5 puntos...

Categoría xuvenil
25ª xornada: XUVENIL A - ATLÉTICO PERINES, o domingo 20 de marzo ás 12:00 en Abegondo
Clasificación da División de Honra: 1. RC Celta, 68 puntos; 2. Xuvenil A (un partido menos), 58 puntos; 3. Real Racing Club, 58 puntos...

24ª xornada: XUVENIL B 2 (Adrián Lombao e Rubén) - BERGANTIÑOS CF 1
Clasificación da Liga Nacional: 1. Xuvenil B (un partido máis), 59 puntos; 2. RC Celta B, 55 puntos; 3. CD Lugo B (un partido máis), 47 puntos...

Categoría cadete
21ª xornada: CADETE 8 (Jorge García, Guerrero -3-, Oreiro, Jaime Calviño, Diego Miranda e Luis Viñas) - CD LUGO 1
22ª xornada: BERTAMIRÁNS FC - CADETE, o sábado 19 de marzo ás 16:30 no Municipal de Bertamiráns
Clasificación da División de Honra, subgrupo A: 1. Cadete, 61 puntos; 2. ED Xuventude de Oroso, 43 puntos...

Categoría infantil
21ª xornada: SD O VAL - INFANTIL, o sábado 19 de marzo ás 11:30 no campo de Sinde B
Clasificación da Liga Galega, subgrupo B norte: 1. Infantil (un partido menos), 54 puntos; 2. San Tirso SD, 42 puntos...

Categoría alevín
Trofeo Conservas Calvo de fútbol once, grupo norte, 3ª xornada: ALEVÍN - CD CALASANZ, o domingo 20 de marzo ás 11:30 en Abegondo

Segunda Fase A Coruña, subgrupo 1º, 2ª xornada: ALEVÍN A - XESUITINAS, o sábado 19 de febreiro ás 10:00 na Torre (campo 1.1)

Segunda Fase A Coruña, subgrupo 2º, 2ª xornada: FABRIL FC ALEVÍN - VICTORIA CF, o sábado 19 de febreiro ás 11:00 na Torre (campo 1.1)

Categoría benxamín
13ª xornada: BENXAMÍN A - FABRIL FC BENXAMÍN, o sábado 19 de marzo ás 16:00 na Torre (campo 4)
Clasificación da Primeira Comarcal A Coruña, subgrupo A: 1. Benxamín A, 33 puntos; 2. Ural Español CF, 24 puntos; 3. Fabril FC Benxamín (un partido máis), 20 puntos; 4. Victoria CF A e CD Calasanz (un partido máis), 19 puntos; 6. Atlético Coruña Montañeros CF, 18 puntos...