RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Catanha, nova incorporación do Deportivo

O dianteiro brasileiro Henrique Guedes, Catanha, é xa novo xogador branquiazul tras o acordo alcanzado entre o xogador, o Málaga e o Deportivo da Coruña. Catanha vestirá a camiseta deportivista durante seis tempadas.

O xogador, de 28 anos, chegará o luns á cidade herculina para pasar o pertinente recoñecemento médico e ser presentado, en principio, e salvo cambios de última hora, con varias das novas incorporacións para a próxima tempada.

Augusto César Lendoiro manifestou con orgullo que o Deportivo da Coruña dispón nas súas filas dos dous máximos goleadores da tempada 99-00 se non se contan os tantos de penalti, Makaay e Catanha.

O prezo do brasileiro é de 2.300 millóns de pesetas máis 200 millóns por obxectivos, por entrar o Deportivo en cuartos de final da liga de Campións e por marcar o xogador máis de 18 goles por campaña.

Augusto César Lendoiro afirmou que a fichaxe de Juan Carlos Valerón está practicamente pechado de forma definitiva e que o xogador viaxará á cidade herculina nos próximos días aínda que, como se sabe, os xogadores que participaron na Eurocopa incorporaranse aos seus equipos máis tarde.

O presidente do Deportivo aproveitou para dicir que desta forma péchase o capítulo de fichaxes por este verán. Así mesmo desmentiu calquera xestión con Edilson e Edmundo e engadiu que Molina chegará este domingo pola noite á cidade herculina para, o luns, pasar o recoñecemento médico.

O indulto da Federación Española de Fútbol ao Barcelona, permitindo ao equipo culé disputar a Copa do Rei a pesar do desplante do pasado ano, en que non se presentou a un partido, foi outro dos temas sobre os que falou o máximo dirixente branquiazul, que destacou "as distintas varas de medir das institucións" e engadiu "hai que conseguir a obxectividade no tratamento cara aos distintos clubs, porque todos debemos ser iguais ante a lei...denunciámolo para que sirva de exemplo do que non deben ser as resolucións dos comités, porque non debe existir un tratamento diferenciado". Augusto César Lendoiro insistiu "dicímolo agora que somos Campións da liga Española, porque non hai igualdade e temos que defender os nosos dereitos... Denunciámolo para que se de conta todo o mundo do que sucede, para que vexan que é certo cando diciamos o que había" e engadiu "o Deportivo vai ter que pagar unha multa de 700 mil peseas por unhas circunstancias acontecidas no último partido, ante o Espanyol, que non son as correctas, pero non houbo altercados e son comprensibles dada a importancia do partido... e a outros clubs con graves altercados se lles indulta... o único que queremos é a mesma esixencia, corrección e responsabilidade con todos".