RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Charla de Celso Borges, Pedro Mosquera e Perdi con todos os xogadores das categorías inferiores

Os xogadores do primeiro equipo deportivista Celso Borges e Pedro Mosquera e a xogadora do Deportivo Abanca A María Gordo Perdiguero 'Perdi' tiveron un encontro con todos os xogadores das categorías inferiores do Club, este xoves nas instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo.

A excepción do Alevín B, que non tiña planificado adestramento, os outros nove equipos do fútbol base do RC Deportivo, desde o Xuvenil A ata o Benxamín B, acudiron á cita.

Celso Borges, que alcanzou os cuartos de final dunha Copa do Mundo e que disputou máis de 100 partidos internacionais coa selección de Costa Rica, transmitiu a súa historia persoal de sacrificio e superación aos compoñentes do Xuvenil A, Xuvenil B e Cadete A. "Sei que non son o mellor nisto, pero vou esforzarme coma se así fose todos os días", dixo aos tres equipos maiores da canteira branquiazul a quen recomendou centrarse "no que depende dun mesmo".

O centrocampista internacional 'tico', ademais de disputar xa 75 encontros en Primeira División coa camiseta branquiazul, é estudante técnico-deportivo en fútbol nivel II na escola de adestradores do RC Deportivo.

Pedro Mosquera, que tamén cursa o mesmo nivel e ademais estuda Dereito na Universidade Camilo José Cela, dirixiuse aos cadros do Cadete B, Infantil A e Infantil B, aos que pediu que aproveiten a oportunidade de ter unha canteira de Primeira División na cidade, xa que el tivo que irse lonxe da familia con só 12 anos para ter esa oportunidade.

O centrocampista coruñés, que suma 124 partidos na máxima categoría do fútbol español, lembrou aos canteiráns deportivistas que representan ao Club en todo momento e que deben ser un exemplo dentro e fóra do campo e que buscar culpables fóra dun mesmo cando as cousas non van ben non é o camiño correcto: "Se non xogas, fai o posible por mellorar e gañar minutos. A culpa non é do adestrador nin do compañeiro que xoga no teu lugar".

Perdi, pola súa banda, dirixiuse aos máis pequenos, aos conxuntos do Alevín A, Benxamín A e Benxamín B. A defensa do Deportivo Abanca A, psicóloga e actualmente estudante dun máster en psicoloxía deportiva, contou a súa historia dentro do fútbol aos máis pequenos futbolistas branquiazuis e incidiu en que o importante é non renderse e faloulles sobre o apoio que lle deron todas as súas compañeiras ao longo da temporada durante as dúas lesións graves que sufriu.

Todos eles descubriron como unha moza á que nos dous primeiros partidos non lle pasaron o balón nin unha vez conseguía, ao cuarto partido, sacar as faltas, os córneres e gañarse un posto de titular indiscutible nun equipo de mozos.

Tras as súas intervencións, Borges, Mosquera e Perdi responderon a preguntas de todo tipo sobre o seu camiño desde a base á elite do fútbol.