Dous dos aspirantes ao ascenso, AD Alcorcón e RC Deportivo, ven as caras mañá sábado 14 de xaneiro ás 17:00 (TVG-2 e InSports.tv) no Estadio de Santo Domingo, en choque correspondente á 19ª xornada no grupo 1º de Primera Federación, última da primeira volta.
Os Nosos encaran a cita na 4ª posición con 35 puntos, só superados polo Real Madrid Castilla (3ª con 38); e por AD Alcorcón e Córdoba CF (igualados na primeira praza con 39 puntos).
O Dépor recupera a Víctor Narro, sancionado o partido do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR ante Unionistas de Salamanca CF pola súa expulsión en Ceuta; pero non poderá contar por lesión con Antoñito, Raúl Carnero e Pablo Brea. "Xeran menos competencia dentro do que é a competencia interna dun cadro pero creo que o Deportivo ten alternativas máis que interesantes como para facer un equipo competitivo en calquera contexto", subliñou Óscar Cano en rolda de prensa.
Esta mañá, o corpo técnico branquiazul adiantou en Abegondo o horario da última sesión de traballo da semana. Así, os futbolistas saltaron ao céspede ás 10:15 horas en lugar da as 10:30 posto que nada máis finalizar, a expedición branquiazul emprendeu viaxe por estrada a Alcorcón.
Coa participación dos canteiráns Dani Barcia e Diego Gómez, Óscar Cano dispuxo un quecemento, un exercicio de finalizacións, un partido e un último repaso ás accións de estratexia.
Os madrileños, recentemente descendidos de Segunda División, contan con vellos coñecidos nas súas filas como os ex deportivistas Pedro Mosquera e Víctor García; ademais de Héctor Berenguel como segundo adestrador. Precisamente sobre o mediocentro coruñés e Javi Lara referiuse Óscar Cano ante os medios de comunicación: "Son dous xogadores doutra categoría, que teñen moitísima experiencia e sobre todo moitísima calidade para xogar e facer xogar aos demais".
O AD Alcorcón chega ao choque despois de gañar a pasada fin de semana en Mérida (0-2) nun partido no que, con 0-0 no marcador, quedou con 10 xogadores no minuto 60 por expulsión de Iago López, xogador formado en #ANOSACANTEIRA, e aínda así foi capaz de amarrar a vitoria.
Con 28 puntos logrados dos últimos 33, os números do conxunto oleiro no seu estadio no que vai de liga son os propios dun candidato ao ascenso: dous empates ante RC Celta B (1-1) e CF Fuenlabrada (1-1); e vitorias fronte a San Fernando CD Isleño (2-1), Real Madrid Castilla (4-1), Cultural Leonesa (2-0), CD Badajoz (1-0), Algeciras CF (2-0) e Córdoba CF (3-0). Así pois, e a piques de pechar a primeira volta, o AD Alcorcón non coñece a derrota no seu estadio.
O defensa David Morillas manifestou nas redes sociais do AD Alcorcón que o equipo viviu unha "semana normal. Afrontamos cada partido coma se fose o último. Todos os rivais son moi complicados nesta categoría. Agora vénnos un moi duro, o Deportivo, pero a semana foi como sempre, traballando os conceptos tácticos, o que nos pide o míster e a partir de aí traballar o equipo fisicamente para chegar nas mellores condicións".
Pide ante os branquiazuis "facer as cousas como as estamos facendo, ser nós mesmos, traballar no ofensivo como no defensivo como o estamos facendo. Sempre hai matices segundo o rival que nos veña que hai que traballar durante a semana. Confío neste grupo, neste equipo. Facendo as cousas como a vimos facendo dános garantías para competir contra este gran rival".
Nada máis concluír o partido en Santo Domingo mañá sábado, Os Nosos regresan en autocar á Coruña. Óscar Cano citou de novo ao seu cadro o domingo 15 de xaneiro ás 11:15 en Abegondo para un novo adestramento.


