RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Claro que cremos. Levamos crendo toda a temporada", asegura Borja Valle

Borja Valle e Adrián, por esta orde, atenderon aos medios de comunicación na zona mixta de San Mamés, após un triunfo ante o Athletic que devolve ao Dépor á loita pola permanencia.

Valle, autor do terceiro tanto e ao cabo definitivo, subliñou que "a nivel individual estou moi feliz porque puiden marcar o meu primeiro gol en Primeira División. O importante é que nos axuda a achegarnos ao noso obxectivo para seguir loitando".

Explica que o Dépor púxose por diante 0-2 "moi pronto, quedaba moito partido. Sabemos o estadio que é, o equipo que é, o que apertan aquí. Sabiamos que o Athletic ía apertar. Atopámonos con ese 1-2, con ese 1-3 e logo o segundo gol deles. Apertáronnos moito pero así presta máis conseguir os 3 puntos".

O futbolista berciano lembra os últimos minutos de partido "con moito sufrimento, angustia tamén, medo a que chegase o gol do Athletic. Pero creo que nos fortalece máis esta situación, o aguantar, o sufrir, o saír desta situación con 3 puntos nun campo moi difícil. Isto refórzanos para seguir sumando e para seguir loitando polo noso obxectivo que o temos claro".

Confesa Borja Valle sobre as posibilidades de permanecer en Primeira División que "claro que cremos. Levamos crendo toda a temporada. Cando estivemos peor, cando estivemos a máis puntos, cando a situación era máis negativa, nós seguimos crendo. A afección estivo connosco, hoxe demostráronnolo. Isto é fútbol, isto todo cambia nun segundo. Cremos, estamos a traballar para iso. Agora mesmo temos que seguir sumando, collendo esa onda que nos está levando ao obxectivo e seguir crendo até o último minuto".

Pola súa banda, Adrián López, autor dos dous primeiros goles do choque, manifestou que "queriamos encadear vitorias seguidas, de momento levamos 2. Hai que seguir e tentar ir a por a terceira agora".

Após sumar 4 tantos nos últimos 2 partidos, mostrouse o dianteiro asturiano "moi contento de marcar nestes dous partidos. Sobre todo para que servise para que o equipo lograse os 3 puntos. Hoxe era un sitio moi complicado porque o Athletic é un grandísimo equipo aquí na súa casa. É un equipo forte e apertounos na segunda parte. Pero o partido que fixo o equipo foi un grandísimo partido. Son 3 puntos que nos dan máis moral da que xa tiñamos".

Sobre o seu estado físico, concretamente das súas molestias no seu pé dereito, apuntou que "é un pisotón. O único problemático é que se me inflamó moito e non puiden aguantar. Foi ao principio do partido. Cada vez íalleme inflamando máis. Xa vía que tiña o pé inchado a través da bota e no descanso xa cheguei collo. Espero que sexa só o pisotón e non haxa máis".

Desvelou que no vestiario após o partido estamos "contentos, felices, orgullosos do traballo que fixemos hoxe. E pensando en recuperarnos rápido que hai partido moi pronto. Hai que estar ben para facer un gran partido en casa o martes".