RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

Dani Barcia subliña "outra portería a cero" e Jose Ángel está "orgulloso do equipo que temos"

Dani Barcia e Jose Ángel pasáronse pola zona mixta do Estadio Carlos Belmonte.

O central coruñés asegurou que "estamos todos moi contentos. Foi un partido moi bonito para xogar. Cinco partidos consecutivos gañando é moi difícil nesta categoría. Hai que gozar diso e seguir adiante para conseguir a próxima semana 3 puntos".

Subliña ademais dos 3 puntos "outra portería a cero. Traballamos para iso todo o equipo. Temos que seguir nesta dinámica para seguir gañando".

Dani Barcia, titular no Carlos Belmonte, apunta que "estiven sempre traballando como o teño que facer. Se xogo ou non non pasa nada porque hai xogadores moi bos no equipo. É normal. Hai que aceptar cada un o seu rol. Se me pon o míster ben e se non a seguir traballando".

Pola súa banda, Jose Ángel asegurou que o equipo "cre no que fai, está cómodo na idea que temos. Outra vitoria máis, a seguir líderes e a polo seguinte partido".

O mediocentro deportivista cre que despois de 5 triunfos consecutivos, 6 contando o partido de Copa del Rey, "hai que celebralos. Non sempre se teñen estas xeiras. De feito nós pasamos pola serie negativa e non é cómodo para ninguén. Agora é momento de celebrar e a partir do próximo luns a pensar o próximo partido en ABANCA-RIAZOR, e a tentar gañalo".

Confesa que "estou orgulloso do equipo que temos porque estamos convencidos do que facemos; cremos todos na idea do míster, no que nos pide; e todos os xogadores achegamos o noso granito de area para dar o mellor a este Club e poder conseguir os obxectivos a final de temporada".