RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

De La Rosaleda ao ceo (0-1)

O Deportivo xogará a final do playoff de ascenso a LaLiga Santander após impoñerse tamén en La Rosaleda a un Málaga CF que tentou remontar o 4-2 da ida de todas as formas posibles, nun partido no que os coruñeses contaron cos paus e co porteiro rival como aliados nas accións máis decisivas do encontro.

O técnico deportivista, José Luis Martí, realizou tres cambios con respecto ao equipo que presentou o pasado mércores no encontro de ida en ABANCA-RIAZOR. En defensa, Bóveda volveu ao lateral dereito en lugar de David Simón. Na medular, Vicente Gómez supliu a Fede Cartabia. En ataque, Nahuel entrou por Borja Valle.

O Málaga non comezou a apertar, en contra do esperado, até preto do minuto 10. E a súa primeira oportunidade chegou no minuto 12. O poste salvou ao Dépor, nun disparo de Ontiveros após recoller un centro pasado de Boussefiane. O extremo esquerdo malaguista superou por riba a Dani Giménez. A pelota, após golpear na madeira, rebotou en Somma. Sobre a mesma liña, Domingos Duarte abortou o perigo.

Instantes despois, o Málaga gozou doutra clara ocasión, nun libre directo practicamente sobre a liña da área grande coruñesa, por mans de Edu Expósito. Ontiveros tentou bater ao porteiro branquiazul cun lanzamento por riba da barreira. A pelota perdeuse á esquerda do marco deportivista.

O conxunto herculino conseguiu arrefriar o arreón local a partir de entón. Os pupilos de José Luis Martí mesmo merodearon a portería andaluza nos minutos centrais do primeiro período, aínda que sen chegar a finalizar ningunha xogada. A posesión de todos os xeitos, era na súa maior parte propiedade dun Málaga que saíu con practicamente todos os xogadores máis ofensivos que ten no seu cadro, con dous dianteiros natos e dous laterais ofensivos.

Até o minuto 36 non chegou o primeiro disparo do Dépor, nun contragolpe que culminou Nahuel cun dereitazo a pase en profundidade de Carlos Fernández. Cifuentes cruzouse para rexeitar o lanzamento cruzado do hispano-arxentino.

O Deportivo estivo máis preto no minuto 41, nun fenomenal desmarque de Edu Expósito, que recibiu un non menos bo pase en profundidade de Nahuel. O barcelonés tentou sorprender case sen ángulo, cun disparo por alto, a Munir, pero o coiro paseouse por diante da portería local.

Unha nova acción individual de Ontiveros acabou co balón na madeira. Nesta ocasión, o traveseiro repeleu o disparo da figura malaguista, que recortara cara a dentro, buscando o seu perfil bo, após coarse entre 4 xogadores deportivistas nas inmediacións da área. Corría o minuto 43.

Finalmente chegouse ao intermedio sen movementos no marcador, co empate sen goles inicial.

Tralo descanso, o equipo local introduciu a súa primeira modificación, coa saída ao campo de Renato Santos en lugar de Hicham Boussefiane.

Aos dous minutos da continuación, Harper enviou ás nubes unha clara oportunidade, só no segundo pau, onde rematou de primeiro toque co seu pé esquerdo un centro de Renato Santos que se envelenou após peitear a pelota Bóveda cara atrás.

No minuto 52, Martí realizou o primeiro cambio nas filas deportivistas. Vicente Gómez deixou o seu sitio a Fede Cartabia. Case á hora de xogo, Borja Valle ingresou no terreo de xogo en lugar de Nahuel. O técnico branquiazul non modificou o debuxo do seu equipo.

Aos 65 minutos, Blanco Leschuk empalmou con dureza un rexeite desde a media lúa, ao que respondeu con velocidade e acerto Dani Giménez, que se lanzou cara á súa esquerda e puxo as mans para desviar o esférico cara ao lateral.

Tres minutos máis tarde, Fede Cartabia cazou un balón similar ao do dianteiro arxentino do Málaga. Munir atrapou a pelota con seguridade. Na seguinte acción, o Málaga volveu tentalo cun disparo lonxano. Renato Santos enviou a pelota á dereita do marco herculino.

O Málaga comezou a asumir máis riscos e a xogar máis directo, co que deixou bastantes espazos. O Deportivo achegouse con certo perigo. Como no minuto 80, cando Edu Expósito empalmou a pelota nun despexe da zaga andaluza despois dun córner botado por Pedro. Munir respondeu, de novo, con seguridade.

Con todo, dous minutos máis tarde, ao gardameta internacional marroquí do Málaga escapóuselle das mans un novo disparo lonxano, agora de Álex Bergantiños. A pelota coóuselle entre as pernas e acabou no fondo das mallas. Era o 5-2 no global, que deixaba a eliminatoria vista para sentenza.

Coa vitoria pola mínima do Dépor chegouse ao final do partido. Deste xeito, os branquiazuis disputarán a final do playoff de ascenso a LaLiga Santander, fronte ao Real Mallorca ou ao Albacete Balompié, que xogan mañá domingo o partido de volta na capital manchega trala vitoria por 2-0 dos baleares na ida. O encontro de ida celebrarase en ABANCA-RIAZOR o vindeiro xoves 20 (21:00 horas, Movistar Partidazo) e o de volta, en Son Moix ou o Carlos Belmonte, o domingo 23 (21:00 horas).

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Somma, Saúl, Álex Bergantiños, Edu Expósito, Pedro, Vicente Gómez (Fede Cartabia, min. 52), Nahuel (Borja Valle, min. 57) e Carlos Fernández (Quique, min. 71).

Málaga CF: Munir, Cifuentes (Pacheco, min. 83), Luis Hernández, Pau Torres, Juankar, Hicham Boussefiane (Renato Santos, min. 46), Keidi Bare, Adrián, Ontiveros, Harper (Koné, min. 55) e Blanco Leschuk.

Gol: 0-1 Álex Bergantiños (min. 82).

Árbitro: Díaz de Mera Escuderos (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Luis Hernández (min. 10), Bóveda (min. 35), Carlos Fernández (min. 38), Keidi Bare (min. 41), Dani Giménez (min. 68), Adrián (min. 75) e Ontiveros (min. 89).

Incidencias: partido de volta da primeira eliminatoria do playoff de ascenso a LaLiga Santander disputado no estadio de La Rosaleda ante 27.275 espectadores.