RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Dépor e Fabril acumulan os primeiros 90 minutos de xogo da temporada (2-0)

Como hai un ano, Deportivo e Fabril estrearon terreo de xogo e equipamentos para arrancar unha nova temporada no Campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo nun partido de adestramento para empezar a acumular esforzo en competición nas pernas. Nun encontro que finalmente se xogou aos 90 minutos regulamentarios, Anquela apostou por dous onces completamente diferentes en cada metade.

O Dépor mostrouse superior e dominador do xogo ante o Fabril nun partido sen demasiadas ocasións e no que os porteiros mostraron un bo nivel de rodaxe ante os disparos máis complicados dos seus compañeiros, hoxe algúns rivais. Nada puido facer Alberto, gardameta do Fabril na primeira parte, ante unha resolución con calidade de Christian Santos que, após recibir un pase longo de Álex Bergantiños buscando as costas dos centrais, anotou de precisa vaselina.

A primeira parte desenvolveuse con longas posesións do Deportivo, que gozou de oportunidades claras en senllos canonazos de Christian Santos e Borja Valle aos que Alberto respondeu fabulosamente. Koné tamén estrelou un disparo no lateral da rede despois da mellor acción colectiva do primeiro acto.

Por parte do Fabril, a ocasión máis clara estivo na cabeza de Pedro, que peiteou a pelota e esta perdeuse lamendo o poste esquerdo, nunha falta lateral colgada por Eugeney, xa nas postrimerías do período inicial.

A segunda metade comezou cun once completamente diferente por parte do Deportivo e con seis substitucións no Fabril.

A balón parado chegou o 2-0 definitivo nun bo remate de cabeza de Mujaid á saída dun saque de esquina botado por Aketxe.

O Fabril estivo preto de inaugurar o seu marcador ao fío do minuto 70, con tres ocasiones consecutivas. A primeira, nun contragolpe finalizado por Mario cun duro disparo, que se perdeu por pouco por riba do traveseiro. Sarmiento buscou a escuadra dereita nun libre directo ante o que respondeu con acerto Álex Cobo, desviando o xusto a córner. Nese saque de esquina. Juan rematou coa testa rozando o poste esquerdo do portal deportivista.

No minuto 80, Aketxe estivo a piques de marcar o gol da tarde, ao empalmar de primeiras coa súa bota esquerda un balón solto en mediocampo, desde uns 60 metros. O coiro estrelouse na parte superior do traveseiro, cando Iker estaba totalmente batido.

Minutos nas pernas, coñecer caras novas, detalles técnicos e tácticos, axustes e entretemento para o Deportivismo nunha calorosa tarde en Abegondo, será o que quede deste adestramento especial para arrancar a Dépor Xira 2019 que ten a súa próxima parada o sábado ás 19:00 horas en Viveiro fronte ao Racing de Ferrol.

RC Deportivo: Koke Vegas (Álex Cobo, min. 46), Gerard Valentín (Juanfran, min. 46), Bóveda (Mujaid, min. 46), Bourdal (Lampropoulos, min. 46), Iñigo Reinoso (Diego Caballo, min. 46), Álex Bergantiños (Yago Gandoy, min. 46), Gaku (Pedro Mosquera, min. 46), Fede Cartabia (Javi Sánchez, min. 46), Koné (Aketxe, min. 46), Borja Valle (Borja Galán, min. 46) e Christian Santos (Rolan, min. 46).

Fabril: Alberto (Iker, min. 46), Eimil (Isra, min. 70), Parga, Juan (Yuste, min. 70), Valín (Martí Vila, min. 70), Kanouté (Guedes, min. 70), Contreras (David Sánchez, min. 46), Eugeney (Michel Kolie, min. 46), Villares (Manu Mosquera, min. 46), Aarón (Sarmiento, min. 46) (Álex, min. 70) e Pedro (Mario, min. 46).

Árbitro: Rodríguez Campos (c. galego). Non mostrou cartóns.

Goles: 1-0 Christian Santos (min. 30); 2-0 Mujaid (min. 56).

Incidencias: Primeiro partido da Dépor Xira 2019 disputado na Cidade Deportiva de Abegondo ante uns 1.000 espectadores.