"Boas tardes
Queridos canteiráns, adestradores, directores, conselleiros, familias...
Hoxe é un día moi especial. Celebramos esta primeira edición do evento Canteira DÉ para homenaxear ao noso fútbol base.
Desexo dirixirme en primeiro lugar aos nosos canteiráns e canteirás, os principais protagonistas desta celebración. Representades a ilusión, a ambición, o presente e o futuro do Deportivo. Co voso esforzo, dedicación e paixón, sodes o motor que move a nosa canteira. Cada paso que dades cara ao primeiro equipo é un soño que se cumpre para vós e para todos os que vos acompañamos nesta viaxe. Espero que esteades tan orgullosos de defender este escudo e esta camiseta como nós estámolo. Grazas.
Quero tamén agradecer aos directores de fútbol e de canteira, aos adestradores e aos formadores. O voso traballo e compromiso, día após día, son a base sobre a que se constrúen estes soños. Ensinades fútbol e formades a persoas, inculcando valores que lles acompañarán na súa vida dentro como fóra do campo. Grazas polo voso esforzo, polo voso agarimo e por ser a guía da canteira que hoxe representa ao noso Club. Estades a facer un gran traballo.
A familia é o alicerce que permite que os novos futbolistas poidan desenvolverse, crecer e soñar. O camiño non sempre é fácil. Estamos agradecidos pola confianza que depositastes en nós para coidar e fomentar o talento dos vosos fillos. Como pai, sei o esforzo que facedes. Moitas grazas de corazón.
Quero destacar a importancia dos nosos afeccionados polo amor e a lealdade que lle brindades ao Club. A vosa paixón é a alma do Deportivo e motivádesnos a seguir traballando co mesmo empeño e ilusión.
Cando dicimos que o Dépor foi, é e será un club que aposta pola formación da canteira, non son meras palabras. Estamos a pór todo o noso esforzo en detectar, desenvolver, coidar e reter o talento que chega ao club desde o primeiro momento.
Estamos a traballar para que esta sexa realmente a vosa casa, para que estas cores sexan o voso orgullo e para que todo o que aprendedes e achegades neste club sexa unha experiencia inesquecible e de excelencia.
Estamos a construír xuntos un proxecto que vai facer historia de novo e que non é só un proxecto deportivo, é un proxecto de vida.
Aquí comeza o salto para quen reciben o seu recoñecemento hoxe, pero este é só o primeiro de moitos. Canteira DÉ vaise a converter nun selo de calidade no fútbol, dentro e fóra de España, teñen o meu compromiso. E vostedes poderán dicir que estiveron neste primeiro recoñecemento, que se deu en 2025.
Cada canteirá ou canteirán que dá o salto ao primeiro equipo é unha vitoria para o Club. É unha vitoria para cada un dos que amamos e sentimos as cores do Dépor.
Grazas por formar parte do RC Deportivo. Grazas por seguir crendo neste proxecto. O futuro do Deportivo está nas vosas mans. Somos conscientes de que é unha enorme responsabilidade. Pero contaredes co noso apoio para que poidades afrontalo nas mellores condicións. O reto é ambicioso, apaixonante e ilusionante, e encarámolo coa certeza de que estamos no camiño correcto.
Forza Dépor e Forza anosacanteira!"