RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Esixente e longa sesión no Dépor cun circuíto de forza e fútbol reducido, de alta intensidade

O cadro do Deportivo completou esta mañá unha esixente e longa sesión de traballo que se prolongou por riba das dúas horas.

A xornada arrancou na sala de vídeo, como ocorrerá moitas mañás ao longo da temporada.

Xa sobre o céspede, os futbolistas puxéronse en marcha cunha activación e rondos.

A continuación, completaron un circuíto de forza con finalizacións supervisado polos preparadores físicos Luis Fandiño e Sergio Roca.

Un exercicio de duelos, outro de transicións e fútbol reducido, de alta intensidade, completaron unha dura mañá, quizais a de maior carga da semana.

Diego Villares foi o único futbolista hoxe con traballo personalizado. Héctor Hernández e Ibai Gómez realizaron unha parte co grupo e a segunda metade co readaptador, Álex Canosa.

Precisamente Ibai Gómez, na rolda de prensa da súa presentación, comentou que o seu debut será consensuado "entre o departamento médico, as miñas sensacións e o míster. Estou practicamente ao cento por cento, entrando agora co grupo parcialmente. A idea é o luns facelo totalmente de cara a estar preparado para a liga. A temporada é moi longa".

Explica que "tiven unha mala sensación na primeira semana no isquio dereito. Preferimos prepararnos ao douscentos por cen para o que é a competición, para chegar a competir con todos os meus compañeiros que é o importante, que desde o día 1 da competición o equipo saque puntos e consigamos o obxectivo".

O torneo do Fabril esta tarde en Sarria, o Memorial Carlos Alberto Díaz, fixo que os tres canteiráns en dinámica do primeiro equipo este verán (Yeremay, Dani Barcia e Jairo) non estivesen esta mañá ás ordes de Borja Jiménez para disputar minutos co filial.

Mañá xoves, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30 horas.