RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Grazas A Coruña. Grazas. Grazas aos deportivistas. O Dépor é grande porque a súa afección é grande"

Un Fernando Vázquez "emocionado" rendeuse na sala de prensa á bancada de ABANCA-RIAZOR, que non deixou de apoiar aos seus durante os 94 minutos de partido: "Grazas A Coruña. Emocionado. Grazas. Grazas aos deportivistas. O Dépor é grande porque a súa afección é grande, moi grande. Vennos en todos lados e din 'este é un equipo impresionante'. Isto é a realidade. Non o fan os xogadores, non o fan os resultados. Faino a bancada. É así aquí en Alemaña, Arxentina e en todos lados. É algo que teñen que saber".

O técnico deportivista resalta que "gañamos os 3 puntos, que eran súper importantes. E impedimos que o Cádiz fose o Cádiz. O Cádiz non correu, non puido facer contras que é a súa arma fundamental. A iso dedicámonos. Collémolos nun momento determinado. E foi suficiente".

Insiste en que "hai que facer unha segunda volta de playoff, e niso estamos. De momento estamos a cumprir. Temos que encaixar un número determinado de goles. Levamos 1 en contra en 3 partidos. A favor 4. Todo vai como unha seda".

Preguntado por Gaku Shibasaki, maxistral na asistencia de gol a Sabin Merino, Fernando Vázquez sostén que "fisicamente é impoñente, cunha dinámica incrible. É un rapaz que se pode adaptar a calquera posición de mediocampo. Xoga en calquera sitio. Mediocentro para dar saída, perfecto. Volante dereito, perfecto. Pola esquerda, perfecto. Media..., perfecto. É un rapaz que se adapta a calquera sitio e para un adestrador é unha peza súper cotizada. Cando unha persoa ten talento teno. Non o vai a perder. Haberá que recuperalo. Non sei se o está recuperando ou non".

Pola súa banda, Álvaro Cervera, técnico do Cádiz CF, indicou que o partido "visto desde fóra é aburrido, con poucas ocasións de gol. A única que tiveron eles marcárona. Nós non lembro unha que o porteiro (rival) tivese que esforzarse moito. Achegamento si, pero sen moito perigo".

Para o adestrador gaditano, o encontro "foi igualado, sen máis. O único que tivo unha ocasión de gol meteuna e gañou".