RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Foto de familia con Mario Soriano antes de preparar xa baixo a intensa choiva un partido en Oviedo "bonito e difícil"

O Dépor comezou esta mañá baixo unha intensa choiva en Abegondo a preparar a seguinte cita ligueira, a visita ao Real Oviedo prevista para este domingo 2 de marzo ás 16:15 (LaLiga TV Hypermotion) no Estadio Carlos Tartiere, correspondente á 29ª xornada.

A xornada arrincou cunha foto de familia de futbolistas e técnicos con Mario Soriano, que portaba orgulloso a camiseta conmemorativa dos 100 partidos oficiais disputados no Deportivo.

Onte, antes de arrincar o encontro ante a SD Huesca, o 21 recibiu a cariñosa homenaxe de ABANCA-RIAZOR ao recibir no céspede esta camiseta de mans do conselleiro Carlos Ballesta.

Tamén protagonista onte domingo na zona mixta, cre após o empate ante os oscenses que "hai que seguir, ver os erros que puidésemos ter no partido, insistir e preparar xa o partido ante o Real Oviedo", que o mediapunta deportivista vaticina como "bonito e difícil".

Como é habitual, os titulares tiveron unha mañá de recuperación e unicamente participaron na primeira parte do adestramento, a activación con rondos.

Para o resto do cadro houbo ademais un xogo de posición, un circuíto con finalizacións e fútbol reducido, de alta intensidade.

Mañá martes haberá xornada de descanso. O Dépor adestrarase de novo o mércores 26 de febreiro a partir das 11.00 en Abegondo.