RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: O domingo (en Barcelona) o Dépor demostrou cal é o noso ADN, a nosa idea, o sentir do xogo que temos

Imanol Idiakez asegurou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "estamos moi unidos. Hai un proxecto, unha idea, pero o fútbol é moi complicado. Hai que gañar cada semana. Eu levo así máis ou menos 30 anos e iso non cambia. E no posto de adestrador hai que gañar, e ao día seguinte volver gañar. Se estás abaixo porque hai que ir para arriba e se estás arriba porque hai que seguir arriba. Iso é o fútbol".

Subliña que sente "a confianza e sobre todo teño moita confianza no que fai o equipo. O domingo (en Barcelona) o Dépor demostrou cal é o noso ADN, a nosa idea, o sentir do xogo que temos. Creo que os mozos volveron defender a idea que temos de xogo que dá xenio e a partir de que un fai todo o que pode, o único que queda é a conciencia tranquila".

Respecto ao partido de segunda eliminatoria da Copa del Rey de mañá mércores en ABANCA-RIAZOR (12:00, TVG-2) ante o CD Tenerife, o preparador deportivista cre que "aos xogadores é unha motivación xogar contra un rival de superior categoría. O Tenerife é un grandísimo club tamén, que leva anos tentando volver a Primera División, un moi bo equipo sobre todo, moi ben adestrado, cun moi bo adestrador. Mañá é unha motivación para todos que se vexa en ABANCA-RIAZOR despois de unas cantas temporadas un rival de Segunda División. Oxalá podamos facer un bo partido e tamén demostrar o noso nivel contra un equipo de categoría superior".

Advirte que "na rolda de prensa Asier Garitano (adestrador tinerfeño) di que vén con todo. Coñecéndoo, non teño dúbidas dun once competitivo e ademais é un equipo de superior categoría e non hai un só xogador malo".

Sobre o estado físico do seu equipo após o esixente partido no Estadi Johan Cruyff da pasada fin de semana, explica que normalmente o martes, o (día) máis dous, sempre é o día que aparecen todas as dores despois do partido. A priori mañá a xente debería estar mellor. Tamén é verdade que o partido é ás 12, o que nos quita unhas horas se fose pola noite. Vou ter unha tarde entretida para pensar o once de mañá".

Preguntado por Iano Simão Imanol Idiakez afirmou que ten "bo nivel, o que pasa é que non pode participar connosco e por iso non o traemos máis"; e de Dani Barcia opina que "ten un grandísimo futuro. Estar en dinámica de primeiro equipo á beira de xente como Pablo Vázquez, como Pablo Martínez, como Jaime para o seu crecemento é moi importante".

Finalmente, a nivel particular reitera que "penso no Dépor desde que vin e espero que sexa así ata que me vaia. Todas as decisións que tomei, todas as cousas que fixen desde que estou aquí e ata que me vaia vai ser pensando no ben do Dépor, non no meu particular. Tento ter a conciencia tranquila e facer o mellor traballo posible . A miña gran ilusión é poder axudar e pór o meu granito de area para que o Dépor volva onde se merece".