RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Yeremay quere "seguir achegando o meu granito de area para que o Dépor estea canto antes en Primera División"

Yeremay Hernández manifestou en ABANCA-RIAZOR após recoller o Premio Estrella ao Xogador da temporada 2024-25 que quere "tentar seguir axudando ao Dépor a poder ascender e seguir achegando o meu granito de area para que o Dépor estea canto antes en Primera División".

Deixa claro que "o Dépor é o equipo que quero, o equipo que amo. Téñolle un agarimo especial porque cheguei moi novo. Sigo sendo novo pero cheguei cando era máis neno. E levo xa uns cantos anos aquí. Crieime aquí e o meu amor polo Dépor está claro porque #ANOSAFORZA veo, sábeo".

Nesta liña, subliña que "significa moitas cousas vestir todos os sábados ou os domingos a camiseta do Deportivo neste estadio".

O atacante canario opina que o Dépor "fixo unha temporada moi boa. Mirando atrás, mirando de onde vimos creo que o noso primeiro ano despois de tantos anos fose do fútbol profesional estivo ben. Tivemos momentos bos, non tan bos pero en liñas xerais o equipo cumpriu o obxectivo que tiña e estou moi contento coa temporada de todos".

A nivel personal, cre que esta temporada "tiven partidos moi bos. Non me podo quedar cun. En xeral creo que fixen unha gran temporada".

Cuarto máximo goleador de LaLiga Hypermotion con 15 goles, queda co do Albacete en ABANCA-RIAZOR (nun disparo polo recanto desde fóra da área) e a #ANOSAFORZA quérelle dar "as grazas polo apoio un ano máis durante toda a temporada. Nós os xogadores sabemos o esforzo que fan por irnos a ver a outras cidades. Sabemos que gastan moito diñeiro para ver ao seu equipo, ao Dépor. Nós estamos súper agradecidos por ese esforzo. Nunca nos deixan sós. Nós iso valorámolo moito, agradecémosllo e oxalá a temporada que vén podamos darlles moitas alegrías porque as merecen por todo o que fan".

Finalmente, Yeremay afirma que "dei un paso cara a adiante, mellorei moitas cousas que o ano pasado se cadra non estaba a facer tan ben: cara a porta, aguantar máis os partidos, entender mellor o xogo... Aínda teño que mellorar moitas cousas e potenciar as que mellorei para ser o xogador que quero ser e poder axudar ao Dépor aínda máis se se pode".