RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor saca adiante en Ceuta cun soberbio gol de Altimira no desconto "un partido de moito estrés" para recuperar a segunda praza

O Dépor superou (1-2) á AD Ceuta FC este sábado 14 de marzo en partido correspondente á 30ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Do mesmo xeito que hai 15 días en San Sebastián, o choque decantouse para os branquiazuis no desconto. Se en Zubieta o autor do tanto foi Mario Soriano, no Estadio Alfonso Murube o protagonista foi Altimira cun chute por todo o recanto.

En rolda de prensa, Antonio Hidalgo destacou o sacar adiante "un partido de moito estrés. O AD Ceuta FC ponche en todo tipo de situacións".

Con este resultado, e a falta do Sporting de Gijón - CD Castellón deste domingo 15 ás 21:00 horas, Os Nosos suman 52 puntos na 2ª posición, os mesmos que a UD Almería (3º).

Foron baixa Yeremay e Mella, que viaxará nos próximos días a Madrid para someterse a unha nova avaliación médica da lesión no xeonllo esquerdo sufrida o pasado domingo no encontro ante o Granada CF disputado en ABANCA-RIAZOR.

Do canario, o técnico deportivista afirmou na rolda de prensa previa que "vai progresando. Cando vai volver sigue sendo unha incógnita. Imos traballar para que iso sexa canto antes. Xa empeza a saír ao campo, a facer algunha tarefa co grupo. Aos poucos vaise a ir aumentando o nivel de esixencia. A ver como vai tolerando iso".

O recambio de Mella foi Alti, o que provocou a entrada no once inicial de Ximo Navarro no lateral dereito.

Os outros cambios respecto ao choque ante o Granada CF foron Villares por Jose Ángel e Luismi por Riki na sala de máquinas. Arriba, o canteirán Bil foi por primeira vez titular en liga en lugar de Eddahchouri.

En fronte, o AD Ceuta FC dos ex deportivistas Rubén Díez e Kuki Zalazar chegaba ao choque con bos números no Alfonso Murube e un total de 10 vitorias xa cultivadas para un equipo no seu primeiro ano en Segunda División.

O primeiro remate foi ceutí. Aos 4 minutos, Aisar xuta fóra no segundo pau un centro de Kone desde a banda dereita.

O AD Ceuta FC optou por esperar ao Dépor en campo propio esperando as transicións.

Da nada se adiantaron os locais preto do cuarto de hora.

Marcos faise cun balón solto na área deportivista após un rebote no pau esquerdo da meta de Ferllo e sobe a pracer o primeiro no marcador.

Pouco despois, Bodiger, desde fóra da área, fai empregarse a fondo a Ferllo, que despexou a saque de esquina.

No Dépor, antes unha contra de Quagliata concluíuna o italiano con disparo alto.

"A gran diferencia é que eles finalizaban todo o que chegaban á nosa área. Iso créache un pouco máis de inquietude", apuntou o técnico deportivista.

Empatou Bil aos 25 minutos. Nunha imprecisión da zaga local, o balón chégalle ao canteirán que bate por baixo a Pedro López.

"A partir do 1-1 empezámonos a sentir máis cómodos. Conseguimos roubar máis en campo contrario, tivemos suficientes ocasións para empatar o encontro", engadiu o preparador branquiazul.

Pasada a media hora, Rubén Díez sacaba baixo paus un disparo de Luismi co meta Pedro López fóra da portería.

Tívoa aos 41 minutos o AD Ceuta FC ao lanzamento dunha falta ao bordo da área que Marino estrelou no traveseiro. O rebote tropezou no corpo de Ferllo pero foise fóra.

Respondeu Stoichkov no ótro área após unha xogada moi parecida ao gol de Bil. Pero o gaditano mandou o balón lixeiramente desviado.

A primeira metade acabou cunha gran xogada de ataque do AD Ceuta FC á que non chegou Kone por moi pouco no segundo pau.

Após o paso polos vestiarios, Antonio Hidalgo viuse obrigado a facer o primeiro cambio.

Loureiro, cun forte golpe no nocello nunha acción na primeira metade con Marcos, deixou o seu posto a Lucas Noubi.

"Imos ver o alcance", indicou o responsable técnico branquiazul sobre o estado físico do central deportivista.

Con chegadas aínda que sen demasiado perigo en ambas as áreas arrincou o segundo acto.

"Estivemos algo máis cómodos sobre todo con balón, establecéndonos en campo contrario", subliñou o adestrador do Dépor na rolda de prensa pospartido.

Aos 58 minutos, Bil rouba un balón en zona de tres cuartos e xuta raso cruzado ante a portería de Pedro López.

Stoichkov non logra controlar na área no 68 un centro desde a esquerda que o deixaba só ante a portería do AD Ceuta FC.

O Dépor controlaba o xogo. 

Antonio Hidalgo substitúe á parella de ataque para a recta final: Cristian Herrera e Mulattieri por Stoichkov e Bil.

Cristian Herrera tivo o partido nas súas botas nun man a man con Pedro López. O balón estrelouse no pau esquerdo após tocar no porteiro. Corría o minuto 83.

O choque chegaba aos seus instantes finais e decidiuse no desconto "nunha xenialidade de Alti", que colocou no recanto dereito da portería do AD Ceuta FC un potente disparo desde o pico da área.

O equipo en pleno celebrou o tanto sobre o céspede: "Somos unha piña, imos todos xuntos", asegurou o autor do tanto decisivo.

O Dépor regresa ao Dépor Training Center cos 3 puntos, recuperando sensacións e posicións na táboa.

AD Ceuta FC: Pedro López, Manu Sánchez (Konrad, min. 46), Matos, Capa, Aisar (Schor, min. 85), Marcos, Marino (Almenara, min. 85), Bodiger (Youness, min. 73), Diego González, Rubén Díez e Kone

Deportivo: Ferllo, Ximo Navarro (Dani Barcia, min. 85), Comas, Loureiro (Lucas Noubi, min. 46), Quagliata, Villares, Alti, Luismi Cruz, Mario Soriano, Stoichkov (Cristian Herrera, min. 77) e Bil (Mulattieri, min. 77)

Árbitro: Germán Cid, do comité castelán-leonés. Amoestou a Antonio Hidalgo (min. 28), Altimira (min. 32), Marcos (min. 36), Quagliata (min. 37), Marcos (min. 37), Bil (min. 65) e Barcia (min. 87)

Goles: 1-0 Marcos (min. 14): 1-1 Bil (min. 25); 1-2 Altimira (min. 92)

Incidencias: partido disputado no Estadio Alfonso Murube cun centenar de deportivistas nas bancadas