RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol: Valoro moito o que fixo este cadro porque ten moito mérito

Imanol Idiakez valorou na sala de prensa de Abegondo "moito á Cultural. Paréceme un equipo moi ben adestrado, con moi bos futbolistas que fan moi ben as cousas. E tamén valoro moito o que está a facer o Deportivo porque saímos de alí (o pasado 13 de xaneiro) cunha desvantaxe moi grande e fomos capaces de darlle a volta a unha situación que naquel momento era moi complicada. Valoro moito o que fixo este cadro porque ten moito mérito".

É consciente que co Día das Peñas 2024, "mañá vai haber un bo ambiente ao noso favor, que #ANOSAFORZA está a desexar empuxarnos e iso só serve de motivación. Estamos moi motivados, centrados no partido, coa tranquilidade de que o equipo está nun bo momento, pero sabendo que mañá vai haber moita dificultade porque temos enfronte un señor equipo".

Subliñou que "estamos centrados no xogo, absolutamente centrados no xogo, terminando de analizar hoxe cos xogadores os últimos detalles do rival que temos, de como defenderlles, de como atacarlles, o balón parado, todos os detalles que temos que coidar a nivel profesional".

Nesta liña, cre que o Dépor - Cultural de mañá sábado 20 de abril ás 19:00 (TVG-2 e FEF TV) en ABANCA-RIAZOR é "un partido moi bonito porque nos enfrontamos a un rival que futbolísticamente é un moi bo equipo. É dos equipos que máis me gusta. Ten un grandísimo adestrador, Raúl Llona, que leva temporadas facendo un gran traballo. Quizais na segunda volta a nivel de resultados os empates penalizáronlle, pero traballa moi ben os partidos, domina, é un moi bo equipo con balón..."

A derrota da primeira volta no Estadio Reino de León "faiche entender a dificultade do rival. Alí sufrimos unha derrota dura nun partido no que a segunda parte poderiamos empatar pero non estivemos finos como nos gustou. O que fai o partido da ida é axudarnos a entender a capacidade que ten o rival e a dificultade do partido de mañá".

O técnico deportivista asegura que hai no vestiario branquiazul "moitísimas ganas porque temos unha chea de alicientes: volver xogar en ABANCA-RIAZOR, ante #ANOSAFORZA, dar un pasiño cara adiante, un pasiño máis cara o obxectivo. A nivel de motivación, ninguén pode estar máis motivado que nós".

Finalmente asume a situación actual do Dépor, líder da competición, "coa naturalidade de afrontar cada semana o seguinte partido. É o camiño que eliximos hai moito tempo e creo que é o único camiño posible no fútbol profesional. Agora mesmo estamos centrados en León e non miramos para atrás, só miramos para adiante. O equipo desde aquela derrota entrou nunha moi boa dinámica e o que queremos é alargala até o final".