RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Inxusta derrota en Ipurua (3-1)

O Deportivo, moi superior ao Eibar durante practicamente todo o encontro, non puido levar nada positivo da súa visita a Ipurua, onde o equipo armeiro converteu en gol as tres únicas ocasións de que dispuxo e os deportivistas víronse moi pronto dous goles por baixo no marcador.

O técnico deportivista, Gaizka Garitano, realizou dous trocos con respecto ao encontro da pasada xornada en Las Palmas de Gran Canaria. O equipo volveu xogar cun só punta, Florin Andone, para dar entrada aos dous extremos, Bruno Gama e Carles Gil, recuperados das súas respectivas lesións, en detrimento de Luisinho e Joselu.

Despois de que o propio Bruno Gama puxese en aprietos ao meta local Yoel no lanzamento dunha falta lateral, o Eibar adiantouse no marcador no seu primeiro achegamento. Adrián González sorprendeu a Przemysław Tytoń cun disparo bombeado ao primeiro toque, despois dunha veloz triangulación ao bordo da área con Sergi Enrich.

O Dépor reaccionou rapidamente e xerou varias situacións de gol. As mellores chegaron no minuto 13. Primeiro, nun centro de Juanfran ao que Celso Borges non chegou por pouco. Florian Lejeune anticipóuselle enviando a córner. E na segunda xogada dese mesmo saque de esquina, cando Emre Çolak conectou con Sidnei que, desde o punto de penalti, empalmou unha difícil volea que se marchou por riba do traveseiro.

Con todo, no seu segundo achegamento, o Eibar puxo terra polo medio no marcador. Un rexeite caeu a Adrián, que colleu á defensa deportivista saíndo cara adiante e que viu o desmarque de Sergi Enrich. O dianteiro local superou no man a man a Tytoń.

De novo reaccionou con celeridade o Dépor. Esta vez si atopou premio. Bruno Gama centrou desde a esquerda, Andone peiteou para que chegase a pelota ao outro extremo, a pés de Carles Gil. O valenciano puxo un centro medido ao punto de penalti onde Emre Çolak cabeceou colocado para coller a contrapé a Yoel. O segundo tanto do turco como branquiazul tamén é curiosamente o segundo coa testa, a pesar da súa baixa estatura.

Superada a media hora, os eibarreses tentárono nunha lonxana falta directa, por medio de Pedro León. Inmediatamente, Borges atopou cun balón longo a Andone, que desbordou a Gálvez pero o seu centro non atopou rematador.

Após uns minutos finais máis baixos en intensidade, o encontro chegou ao tempo de lecer co momentáneo triunfo eibarrés por 2-1.

A segunda metade comezou cunha brillante acción de Andone, que aproveitou un balón solto para desfacerse de Lejeune cun autopase e plantarse ante Yoel. O duro disparo do dianteiro romanés rexeitouno a saque de esquina o gardameta do equipo guipuscoano. Nese córner, Yoel perdeu o esférico na súa saída por alto pero ningún atacante deportivista aproveitou a ocasión.

Non ían nin cinco minutos da segunda parte cando Emre Çolak reclamou un claro penalti por unha cambadela de Lejeune. As protestas dos xogadores branquiazuis desembocaron nun cartón amarelo para Carles Gil.

O Dépor asediaba ao equipo local. Yoel realizou unha gran intervención a un duro lanzamento por baixo de Emre Çolak que buscaba a cepa do pau esquerdo do marco local.

Á hora de xogo, o Eibar puido sacudirse un pouco o dominio. O equipo vasco forzou un córner. Lejeune rematou o rexeite da zaga herculina á media volta coa súa bota dereita. Tytoń detivo o coiro con seguridade.

Aos 62 minutos, Gaël Kakuta realizou o seu debut coa camiseta do Dépor substituíndo a Bruno Gama. O francés, nada máis entrar, puxo un centro envelenado desde o extremo dereito ao que Borges non puido chegar polos pelos.

Cinco minutos máis tarde, Andone volveu toparse con Yoel. O internacional romanés recibiu de Emre Çolak en profundidade e probou ao gardameta azulgrana cun potente dereitazo cruzado por baixo. Acto seguido, Juanfran dobrou a Kakuta no extremo dereito e puxo un forte centro para a chegada desde atrás de Carles Gil, que non puido dirixir ben a súa volea, desviada á dereita do portal de Yoel.

Con todo, nun novo saque de esquina, o Eibar volveu abrir brecha. O rexeite do córner caeu ao bordo da área, onde Rubén Peña bombeou para a chegada desde atrás de Sergi Enrich, que con todo a favor cedeu ao centro para Lejeune, para que batese, a porta baleira, a Tytoń.

O terceiro tanto puxo fin ao partido, que significa a primeira derrota deportivista despois de catro xornadas consecutivas sen perder.

SD Eibar: Yoel, Capa, Gálvez, Lejeune, Luna (Rubén Peña, min. 65), Dani García, Rivera, Pedro León, Adrián, Inui (Arbilla, min. 71) e Sergi Enrich (Bebé, min. 90).

RC Deportivo: Tytoń, Juanfran, Arribas, Sidnei, Fernando Navarro, Guilherme, Borges (Marlos Moreno, min. 83), Carles Gil (Joselu, min. 73), Emre Çolak, Bruno Gama (Kakuta, min. 62) e Andone.

Goles: 1-0 Adrián (min. 4); 2-0 Sergi Enrich (min. 15); 2-1 Emre Çolak (min. 19); 3-1 Lejeune (min. 72).

Árbitro: Martínez Munuera (c. valenciano). Cartón amarelo a Borges (min. 29) e Carles Gil (min. 51).

Incidencias: partido correspondente á 20ª xornada de LaLiga Santander disputado no estadio de Ipurua ante 5.617 espectadores.