RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Irene Ferreras fala de "partido trampa" a visita do CD Juan Grande e pide "entrar moi enchufadas"

Irene Ferreras cualificou esta mañá en rolda de prensa o partido deste domingo 7 de maio en Abegondo (12:00 horas, Youtube RC Deportivo) ante o CD Juan Grande Ginelux como "trampa porque é un equipo que está a competir moi ben, resultados moi axustados..."

Vaticina un rival "con moito descaro, con poucos complexos. Vai ser agresivo, vai presionar, a tentar provocarnos algunha situación incómoda no partido e máis aló da clasificación e de entender que xogamos contra o último clasificado e que xa ten a categoría perdida, temos que enfocalo desde entender ben os momentos do partido, de interpretar ben o que toca en cada momento porque iso é o que nos vai a dar soltura, o que nos vai a permitir atoparnos, ir crecendo e mostrar unha boa versión".

Engade que o canario é "un equipo que séntese cómodo nesas situacións de duelos individuais a nivel defensivo, que se non sabemos interpretar ben onde están os espazos, pódennos xerar perdas que nos incomoden. Imos tentar facer unha boa lectura do que expoña o rival, que en principio e a priori van ser esas as súas armas. Cando non che estás xogando nada tes ese descaro que che fai xogar sen medo e sen complexos. Ten boas futbolistas arriba, transita moi ben, é perigoso tamén en balón parado ofensivo. Ten armas e ten facetas onde pódenche incomodar. E nós temos que reducir todas esas fortalezas desde ter a pelota, o control do xogo, desde xogar con soltura pero tamén con respecto e desde sobre todo entrar no partido moi enchufadas e mostrando desde o primeiro momento o que nos estamos xogando".

Admitiu que esta semana, despois da vitoria en Madrid ante o Rayo Vallecano, foi "loxicamente moi distinta á semana pasada. Vivimos de resultados e animicamente é outra cousa. Despois dunha derrota dura como foi a do Real Oviedo, o equipo fixo unha demostración da capacidade que ten, competimos moi ben un partido moi complicado, sacamos un gran resultado e dános moral para afrontar o que vén agora, que é importante. Só pensamos no CD Juan Grande e niso estamos".

Con sobrada experiencia na máxima categoría do fútbol feminino, quere trasladar a falta de dúas xornadas "a mensaxe de que só temos un partido. Non quero falar de que quedan 2 porque a cabeza nos leva a que pode pasar a última xornada e realmente todo iso non importa se nós non sacamos os 3 puntos aquí en casa. Enfocámolo desde que nos queda un partido, desde que toda a nosa atención e toda a nosa concentración está posta niso. Non se pode mirar máis aló diso".

Así pois, insiste en "a mensaxe do día a día é presente, adestrar hoxe, seguir preparando o partido, que o equipo chegue con todo o máis controlado posible e logo que salgamos moi enchufados desde o principio, que podamos conectar á nosa afección desde o primeiro momento, que salgamos con enerxía para poder enchufalos a eles tamén e que xeremos esa sinerxía en Abegondo que nos empuxou durante toda a temporada, que nos levou á situación na que estamos".

Nesta última cita ligueira na Cidade Deportiva ante #ANOSAFORZA, repite "a importancia que ten para nós. Sabemos que no último partido (ante o Real Oviedo) non estivemos á altura, non soubemos conectar un pouco esa calor e esa enerxía que nos ofreceu sempre; e nós imos facer nosa parte, que é saír súper metidas no partido, acertar nas accións, mostrar ambición, mostrar carácter, mostrar personalidade, que séntanse identificados, que a partir de aí axúdennos a roubar cada pelota, a empuxar cada pelota á rede cando haxa que facelo. Espero que lle podamos brindar unha vitoria que nos poña as cousas bonitas de cara ao que quede, pero, como non sabemos aínda se é para despedirnos ou non, poder pechar polo menos a temporada regular con moi boas sensacións todos xuntos".

Márcase como "obxectivo prioritario" vencer este domingo ao CD Juan Grande Ginelux "e logo veremos as contas que hai que botar. O discurso de toda a temporada foi o playoff. Creo que se non o temos asegurado matematicamente témolo de maneira virtual. Agora xa non é momento de conformarse, agora é momento de dar un paso adiante, de non fallar en casa, de gañar 3 puntos, de facelo ben, de xogar ben, de atoparnos, de demostrar un pouco o carácter que tivemos o outro día, que creo que fixemos un dos partidos máis completos da temporada pola súa dificultade e polo ben que entendemos todas as situacións do xogo e o que tocaba en cada momento. Agora só quero pensar no CD Juan Grande porque todo o que non sexa sumar aquí 3 puntos afástanos de calquera tipo de cálculo que nos poida esperanzar a iso".

Tamén pide "afastar os nosos pensamentos dos demais equipos, do que vaian facer ou deixen de facer, porque nos fai perder o foco no realmente importante, que é como temos que estar nós. Temos que ser as protagonistas da nosa historia. Daquela o fútbol e a competición dirannos onde nos colocamos e o que toca facer no seguinte paso; pero agora estar centradas no noso, CD Juan Grande. Sei que a última xornada hai enfrontamentos directos, que nos poden favorecer ou non. Non vivo pensando en que ningún dos rivais van picar porque ao final sería estar a me agarrar a unhas ilusións que non dependen de min. O que depende de nós é facer un bo partido o domingo, gañar e a partir de aí xa veremos".