RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras frea a euforia e pide "ter estabilidade, tranquilidade e pensar no seguinte paso"

Irene Ferreras, adestradora do Deportivo ABANCA, subliñou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que, despois do partido de Copa de la Reina do pasado mércores e do que se aveciña de liga o vindeiro domingo en Oviedo, "aspiramos a ser un equipo que teña a capacidade a nivel condicional e mental de poder competir se fai falta cada 3 días".

Rivais históricos no máis alto da xa extinta Segunda Nacional, a adestradora deportivista sostén que ante o Real Oviedo "non miramos máis aló do presente. Aos antecedentes e estas historias non lle damos moita importancia. Estamos a traballar e expondo o partido da mellor maneira, como cremos que é o mellor para poder levarnos os 3 puntos e non miramos máis aló diso".

Opina que as dúas goleadas do Deportivo ABANCA nesta pasada semana, con 4-0 ao Raio e 5-0 en Copa ao CD Parquesol, "sempre nos dá confianza porque materializar as situacións de gol sempre é bo, pero hai que rebaixar un pouquiño esa euforia porque probablemente enfronte teñamos o domingo un partido que non se vai a dar dunha maneira tan fácil, entre comiñas; que nos custe máis abrir o marcador".

Cualifica pois como "algo anecdótico" eses dous folgados marcadores cos que o equipo deportivista abriu a temporada: "Sabemos que os partidos que se nos van a presentar van ser máis competidos". Así pois, pide "non utilizar iso (os resultados) para levarnos á euforia, senón ter estabilidade, tranquilidade e pensar no seguinte paso".

Ante o seu primeiro encontro lonxe de Abegondo, Irene Ferreras está convencida que "o equipo vai responder ben. Estamos xa mentalizados do que nos imos a atopar, tanto polo rival como polas condicións do terreo de xogo. É a primeira saída. En todas é difícil puntuar, pero á vez é moi importante. Imos tentar facer o noso xogo, pero evidentemente adaptándonos ás condicións que neste caso son dun campo de céspede artificial, con menores dimensións. E iso é un hándicap ao que temos que saber responder".

Do último partido disputado, o de Copa de la Reina ante o CD Parquesol, "quitando algún ratiño, onde baixamos un pouco o ritmo, o resto estou contenta coa imaxe que deu o equipo. Mandábaselles unha mensaxe de que non era un partido para dosificarse, porque o equipo ten que afacerse a competir sempre ao máximo nivel, que é a fórmula que nos pode facer chegar lonxe ou estar arriba e non ser un equipo intermitente, que un partido si ou un non. As rapazas responderon", matiza.

A adestradora deportivista, ante este gran arranque de temporada, insiste en que "non sentimos esa euforia. Se cadra de portas para fóra é un bo comezo. Iniciar con bo pé un proxecto novo é moi positivo porque dáche esa confianza no que estamos a facer, pero é que vivimos do día a día. Nós xa nos esquecemos do Rayo fai moito e do Parquesol onte. Dúranos a vitoria e a derrota o mesmo, que é un día; e a partir de aí xa pensamos no seguinte paso. Creo que é a única maneira de poder ser un equipo mentalmente estable e de que non nos altere en exceso o resultado, dá igual que sexa a favor ou en contra. Temos que tentar seguir da mesma maneira e mellorando nosas pequenas cousas".

Preguntado por Aroa Guerra, explica que "agora está a ter oportunidades máis por banda, por un tema de ocupación de postos e de cadro. Ten que asumir unha situación difícil, que é a dunha canteirá que está a se asentar no primeiro equipo e que ten por diante tanto a Millene como a Carlota Suárez. Está a traballar moi ben. Eu sei que este período lle vai a vir moi ben como futbolista. Está a mellorar, está a dar pasos e imos tentar axudala para que estea á altura do que eu lle esixo, que é moito".

De Millene apunta que "para nós é unha xogadora vital. Vén dunhas semanas, fóra de non ter dinámica normal. Xa poder tela e que ademais materialice as ocasións e o que xera o equipo é o importante do fútbol".

Irene Ferreras márcase como obxectivo "contar cun cadro onde estean todas preparadas. Non é nada fácil porque vai haber situacións onde haberá desmotivación, onde se cadra algunha xogadora se vaia caendo, pero tentaremos coidalas a todas e traballar con todas por igual. Outra cousa é a decisión de quen xoga e quen non, pero traballamos e pómoslle agarimo e dedicación ao traballo que facemos con cada unha delas para que polo menos vaian sendo mellores futbolistas e cando teñan as súas oportunidades, poder render como se espera".