RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Irene Ferreras, ilusionada: "Temos a oportunidade de vivir algo que todo futbolista e toda adestradora soña"

Irene Ferreras asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "sempre falamos de vernos este último tramo da temporada na posición na que estamos. Agora afróntoo con ilusión. Temos a oportunidade de vivir algo que todo futbolista e toda adestradora soña, que é chegar ao último tramo coas opcións intactas de poder conseguir os obxectivos. Gañámonolo. Imos afrontalo con confianza porque de todo ese tramo que pasamos ultimamente aprendemos moitas cousas e espero que o equipo estea tranquilo. Creo que cando xoga tranquilo dá unha moi boa versión".

Márcase pois como obxectivo "tentar achegarnos á mellor versión do Dépor ABANCA porque os rivais nolo van a esixir e porque o momento da temporada esíxenolo. Pero sobre todo con confianza e transmitindo tranquilidade porque creo que é a maneira de alcanzar os obxectivos".

Insiste en "manter esa liña. Cando o resultado che xera certa inestabilidade a nivel emocional desde a nosa parte é cando máis tranquilos e estables debemos de estar, transmitirlle iso ás rapazas, porque elas son as que xogan e as que poñen de manifesto todo o traballo que se fai".

De feito, confesa que "se me dis agora que 'se sinto presión porque quedan 5 partidos e agora decídese todo', pois probablemente sentía moita máis presión fai 5 ou 6 meses porque o meu obxectivo era poder meter ao Dépor ABANCA nunha situación na que puidésemos loitar por algo ao final de temporada e creo que iso o conseguimos".

Dito isto, apunta xa Irene Ferreras "ao seguinte reto, que é gañarnos a nosa praza de playoff primeiro; e a partir de aí se podemos soñar con algo máis, xenial. Pero todo desde o pensar no seguinte partido. Todo o que miremos máis aló, cálculos e demais, pasa polo que podamos facer este domingo, que espero que sexa moi bo e a partir de aí seguir traballando ao día seguinte como facemos sempre".

Precisamente antes de encarar o partido deste domingo 16 de abril (12:00 horas) na Ciudad Deportiva Andrés Iniesta ante o CD Alba Fundación, comentou que "agora mesmo xa nos dá igual xogar en casa que fóra. Quédannos 3 saídas fóra, dúas en casa. Entendemos que todos son partidos moi difíciles, moi complicados".