RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Iván Barbero resalta a unión que temos dentro do vestiario e Dani Barcia, que a clasificación é un plus

Iván Barbero, trigoleador en Tajonar, e Dani Barcia pasáronse pola sala de prensa.

O dianteiro deportivista cre que foi "un partido moi completo de todo o equipo. Estou contento de volver aquí a Tajonar, onde vivín momentos moi bos e feliz pola vitoria".

Confirma que leva o balón do partido para o recordo porque "para min tamén foi un partido moi especial. Iso levareimo por sempre".

Do momento do Dépor, Iván Barbero lembra que "cando non saían as cousas seguimos traballando forte, crendo en nós mesmos, crendo nas ideas do míster. Fumos todos a un tempo. Sabiamos que tarde ou cedo ía chegar, están a chegar os resultados e feliz por iso".

Co equipo a 1 punto do liderado, insiste en "centrarnos no noso. Sabemos que o temos preto pero agora hai que ter esa tranquilidade e esa confianza para afrontar os demais retos que van ser igual de difíciles que todos. Ningún equipo váinolo a pór fácil e temos que seguir no camiño".

Finalmente asegura que "estamos a gozar no día a día a unión que temos dentro do vestiario. Sabemos o que queremos, imos xuntos da man, sabemos os partidos que quedan e afrontámolos con moita responsabilidade, a que ten levar este escudo".

Pola súa banda, Dani Barcia afirma que o día "non foi moi adecuado para xogar pero nós na Coruña estamos afeitos a este tempo. E foinos ben".

O central coruñés agradeceu a Imanol Idiakez "pola confianza en min. Estou moi contento por sumar minutos, outro partido de titular e por facelo como o veño facendo ultimamente".

Lembra que "levamos 5 ou 6 partidos metendo moitos goles e concedendo moi pouco. E é o que temos que seguir facendo. Temos que sumar de 3 en 3 cada finde e conseguir o obxectivo. E se é con moitos goles como até agora, pois moito mellor".

Do partido, opina que "se nos puxo de cara. Sabiamos que era un partido de disputas, de segundas caídas. Resolvémolo moi ben e moi contentos todo o equipo".

Márcase como obxectivo este canteirán que chegou a Abegondo no seu primeiro ano de benxamíns "seguir a xeira que levamos até agora. Temos que pensar no seguinte finde co CD Lugo, seguir nesta xeira, metendo goles, concedendo pouco e sumando de 3 en 3".

Finalmente Dani Barcia admite que "a clasificación é un plus e se te ves aí arriba aínda máis. Estamos a 1 punto do líder e temos que seguir para ser primeiros, estar o maior tempo posible aí arriba para conseguir o noso obxectivo".