RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

Leyma Central Leiteira patrocinará ás categorías inferiores do Deportivo

O Real Club Deportivo da Coruña e Leyma Central Leiteira S.A. chegaron a un acordo de colaboración de patrocinio para o apoio das categorías inferiores durante as próximas tres tempadas.

Desta forma, o Club potencia a súa canteira, un elemento que cada vez, coa Cidade Deportiva de Abegondo, cobra máis importancia na estrutura da entidade deportivista; e, á vez, a firma láctea continúa así o claro apoio ao deporte basee galego e en especial da Coruña.

O logo que lucirán os diferentes equipos de categorías inferiores do Deportivo, desde o Alevín B ata o Fabril de Terceira División, será o dun novo produto que desde este martes 23 de xuño, comercializa a firma coruñesa, 'Leyma Natura': "Tradicional leite fresco de Leyma, pero cun plus engadido xa que é leite procedente de agricultura tradicional e sustentable a base de pastos, polo que contribúe a unha alimentación máis equilibrada e sa. A composición de partida ten unha porcentaxe máis alta de graxas insaturadas que o leite convencional, achegando maior cantidade de omega 3 de forma natural", segundo explica a dirección da propia Leyma Central Leiteira.

Estrela Galicia, outra firma de referencia na Coruña e en Galicia, será o spónsor do primeiro equipo tras o acordo ao que chegaron as dúas empresas na segunda volta da pasada tempada.