RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucas Pérez participou en Verín na presentación da "Bancada Cabreiroá"

O dianteiro do Dépor, Lucas Pérez, participou esta tarde no Pavillón Municipal de Verín, a escasa distancia do manancial de Cabreiroá, na presentación da "Bancada Cabreiroá". O patrocinador oficial do Real Club Deportivo segue apostando deste xeito pola súa vinculación cos principais equipos galegos e a súa proximidade cos consumidores máis pequenos con esta nova iniciativa que permitirá ás familias galegas vivir unha experiencia deportiva única.

Para iso, a marca de auga da Corporación Hijos de Rivera contará cun espazo privilexiado no Estadio ABANCA-RIAZOR que permitirá que os máis pequenos vivan o deporte coas súas familias dunha maneira moi especial. Grazas a "Bancada Cabreiroá", os nenos poderán, na súa primeira visita a un recinto deportivo, achegarse aos seus ídolos, recibir obsequios oficiais do Club e, o máis importante, vivir ese momento de asistir ao estadio do seu equipo acompañado da súa familia, un recordo indeleble.

Os partidos que se poderán vivir con especial emoción grazas a Cabreiroá serán o Dépor-Athletic, Dépor-Valencia, Dépor-Málaga e Dépor-Barça.

Máis de 400 galegos poderán gozar desta exclusiva experiencia nos estadios de LaLiga Santander, LaLiga|123 e ACB en Galicia e de agasallos oficiais dos seus clubs mediante unha mecánica promocional nos principais centros de alimentación de Galicia e tras a súa participación en www.bancadacabreiroa.es.

En palabras de David Fernández, Product Manager de Augas de Hijos de Rivera, “con Bancada Cabreiroá queremos achegar o deporte galego ás familias e que os máis pequenos poidan vivir unha experiencia única gozando dese momento inesquecible de asistir por primeira vez a un recinto deportivo acompañado dos seus pais, algo que forxa a nosa paixón por unhas cores para toda a vida.”

A iniciativa foi presentada nun encontro moi especial entre os nenos das escolas deportivas do municipio e os xogadores Lucas Pérez, Iago Aspas, Iriome González e Alberto Corbacho.

Durante o evento, os xogadores enfrontáronse ás preguntas dos máis pequenos e foron sorprendidos con vídeos de familiares e amigos cos que lembraron como se iniciaron no deporte e como foi a primeira vez que visitaron un recinto deportivo. Ademais, houbo sorpresa tamén para os nenos xa que durante a presentación foron sorteadas as primeiras experiencias "Bancada Cabreiroá".

Ao finalizar o acto, Lucas Pérez atendeu aos medios, ante os que afirmou que é "moi bonito para os equipos galegos que haxa tanta expectación. O movemento que fixo Cabreiroá foi moi bonito, pasámolo moi ben e foi divertido para os nenos".

Cuestionado sobre o partido do próximo sábado fronte ao Getafe, o dianteiro deportivista considerou que "despois dunha derrota tan avultada o mellor para acougar os ánimos e volver ao bo camiño é unha vitoria ante o noso público".

Tamén tivo palabras de agradecemento e eloxio cara a Pepe Mel. "Ao adestrador téñolle moito agarimo, é a persoa coa que debutei. El transmítenos tranquilidade, non está presionado. A nivel de vestiario estamos moi tranquilos porque podemos sacar isto adiante e pensamos que el é o indicado", comentou.

Acerca dos resultados neste inicio de temporada, recoñeceu que "a liña do equipo non é boa, algo estamos a facer mal, pero todos, non só o adestrador, tamén os futbolistas teñen a súa parte de culpa importante".