RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Luis César: "Se somos capaces de manter isto, sairemos para arriba seguro"

Luis César manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "o resultado final condiciona a maneira de ver as cousas. Se somos capaces de manter o de hoxe, non teño ningunha dúbida que este equipo irá para arriba moi cedo".

O técnico deportivista recalca que "vexo moito fútbol de Segunda División e vexo equipos gañar facendo moito menos que o que o Deportivo fixo hoxe. Xa sei que non me consola isto nin consola ao deportivismo pero estou satisfeito polo traballo".

Reitera que "hoxe me gustou o que vin. Xa sei que necesitamos gañar. Unha semana máis o desgusto segue aumentando pero se somos capaces de manter este rigor, este ritmo ofensivo e defensivo de hoxe, temos que gañar moitos partidos".

Luis César explica o bo partido do seu equipo "porque tivemos rigor, ritmo defensivo de todos, un gran despregamento físico. Só faltounos poñernos por diante. Na primeira parte puidemos facelo. Noutras circunstancias fariámolo. O Alcorcón pasouno moi mal. É un equipo moi difícil, que está ben clasificado, sen presión ningunha. Utilizando un símil puxilístico, os 3 xuíces darían como vencedor ao Deportivo. Pero isto non vai de méritos, senón que vai de goles. Por iso quedou en táboas, combate nulo".

Apunta que os xogadores branquiazuis no vestiario están "tristes porque non son capaces de conseguir a vitoria pero felicitándose uns a outros polo esforzo. Estaban contentos e vin que gozaron no campo. O público aplaudiulles por momentos. Foron capaces de facer unha presión extrema no campo rival. Vicente, Álex, Peru (Nolaskoain) fixeron un gran partido. Pero os de arriba son os que tiran dos outros 3. E os outros 3 tiran dos 4 de atrás. Todos ían a tope".

Pola súa banda, Fran Fernández, técnico do AD Alcorcón, indica que "estamos bastante contentos co empate. Soportamos o último terzo do partido no que o Dépor empuxounos porque tiña moita máis necesidade que nós; e xogamos fóra de casa e é normal que empuxen e teñan chegadas".

Subliña que "estamos felices por conseguir o 7º partido consecutivo sen perder, por conseguir 25 puntos que é a metade do que queremos. Temos moitísimo por diante que sufrir".