RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

María Sampalo pide a #ANOSAFORZA "calma, que esta liga é moi longa e queda o máis bonito"

Maria Sampalo pediu esta mañá en rolda de prensa a #ANOSAFORZA que "até o último partido teñan calma, que esta liga é moi longa e queda o máis bonito; que sigan vindo a Abegondo; que nos sigan apoiando e confíen en nós porque este equipo non se rendeu nin se vai a render até o último suspiro".

Cualificou a gardameta deportivista de "bastante bonita" a primeira volta do Dépor ABANCA, que "ha ir sacando os resultados que queriamos, menos os dous partidos (ante RCD Espanyol e DUX Logroño). Aínda así é un balance positivo".

A nivel persoal, admite que "non tiven sorte porque caín lesionada, pero no momento no que caín xa estaba a pensar na recuperación, volver co equipo e poder achegar o meu gran de area. Esa sempre foi a miña filosofía: tentar axudar ás que xogan, que somos todas importantes e as que non xogan, tamén".

Indica que lle custou "un pouco" adaptarse ao xogo cos pés: "Viña dun estilo totalmente diferente, xogaba máis en longo e aquí teño que controlar máis e xogar en curto. Pero no momento que volvo da lesión, o chip cambiou, adapteime moitísimo ao estilo de Miguel. É o que vai beneficiar ao equipo e se hai que facelo, faise. A día de hoxe sigo mellorando cada día nos adestramentos e cando cheguen os partidos o mesmo".

Respecto da súa compañeira baixo os paus, Ana Valles, apunta que "fixo unha boa primeira parte. Agora teño dúas titularidades pero iso non significa nada. Hai que seguir traballando e que o míster decida quen xogará".

Asegura que non coñecía a Ana pero "tiñamos amigas en común. Ela viña tamén dunha temporada difícil, con poucos minutos de xogo como eu. Desde o minuto 1 que chegamos a Abegondo e puxémonos as luvas, sabiamos que a nosa misión é facernos mellorar a unha á outra, que xogase quen xogase era un ano bonito para ambas, que tiñamos que seguir traballando e se nós estamos ben, iso axuda ao equipo e a todo o demais. No día a día temos unha relación bastante cordial, moi ben debaixo dos paus. Unha axuda á outra. Hai rivalidade, pero sempre é sa. Ao final as dúas queremos o mesmo pero aínda querendo as dúas o mesmo, o obxectivo é conxunto".

Na súa primeira rolda de prensa como xogadora deportivista, María Sampalo desvela que "cando me chama a representante coa oferta do Dépor ABANCA non mo penso. Xusto estabamos de comida co equipo (Madrid CFF). Dixéronme que era un Club que apostaba; que acaba de descender pero que iso non importaba; que ía ser un proxecto competitivo e que me viría ben. As condicións e o que me transmitiron desde o Dépor ABANCA era confianza, que era o que necesitaba, e volver ilusionarme. Así que en ningún momento penseimo e aquí estou".

A pesar da reestruturación do cadro o pasado verán, confiou no proxecto deportivista porque "todo o que viña escoitando de Pablo (Pereiro) e Manu (Sánchez) era bo. Sabía que quen viñese ía facer grande ao equipo e iamos estar loitando polo obxectivo. Agora con Miguel Llorente imos todas a unha, sabemos a súa filosofía de xogo e estea quen estea imos achegar todas".

En Abegondo, confesa que o que máis lle chamou a atención é "a piña do equipo. Todas somos unha. O vestiario está súper unido, temos claro o obxectivo conxuntamente co corpo técnico. É o máis bonito e é o que nos fai poder seguir na pelexa do obxectivo e enfocadas a iso".

Finalmente, María Sampalo tivo palabras de agarimo para o técnico Fran Martínez, que esta semana acaba a súa relación co Club: "Lévomo como un dos mellores adestradores de porteiros que vou ter. Achegounos moito a Ana e a min, transmitiunos esa confianza desde o primeiro minuto. Cando cambaleabamos un pouco dábanos a calma e sinceramente botarémolo moito de menos. Habemos ir a matar con Fran e todo o que nos achegou".