RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Marrocos confirma a presenza de Fayçal Fajr na súa convocatoria para dous amigables

- Foto: www.cafonline.com -

Fayçal Fajr, que tivo unha destacada actuación na última edición da Copa de África, está na convocatoria definitiva de Marrocos para dous partidos amigables este mes de marzo.

Serán o venres 24 fronte a Burkina Faso; e o martes 28 ante Tunisia. Ambos os encontros disputaranse no Gran Estadio de Marrakech.

O futbolista branquiazul deberá incorporarse á concentración da Selección o luns 20 de marzo, tras #ONOSODERBI ante o RC Celta deste domingo 19 de marzo en Riazor (18:30, Bein Sports).

Kakuta entra nos plans da República Democrática do Congo

O xogador do Deportivo Gaël Kakuta foi convocado pola súa selección, a República Democrática do Congo, para un partido amigable no próximo parón ligueiro. O choque está fixado o domingo 26 de marzo en Nairobi ante Kenia.

A concentración do equipo nacional iníciase o luns 20 de marzo.

Emre Çolak, na antesala de Turquía

Emre Çolak foi preconvocado por Turquía para dous partidos. O primeiro deles será o venres 24 de marzo ante Finlandia en Antalya (Turquía), clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018. O segundo choque será amigable, con Moldavia como rival, o luns 27 de marzo na cidade turca de Eskisehir.

O vindeiro venres 17, a Federación Turca fará pública a lista definitiva. En caso de ser citado, Emre Çolak deberá estar o luns 20 de marzo en Istambul.

Celso Borges, na lista previa de Costa Rica

Celso Borges foi preconvocado pola súa selección nacional, Costa Rica, para dous partidos oficiais, correspondentes á eliminatoria pola zona CONCACAF para o Mundial de Rusia 2018.

Así, o venres 24 de marzo, Costa Rica visita a México, en Cidade de México; e catro días máis tarde, o martes 28, xogará ante Honduras en San Pedro Sula.

A convocatoria definitiva darase a coñecer este xoves 16 de marzo. En caso de estar entre os elixidos, Celso Borges tería que desprazarse ao seu país o luns 20 de marzo.