Miguel Llorente manifestou na sala de prensa de Abegondo que "todos os adestradores tivemos equipos que adestran mellor e equipos que adestran peor, momentos que tes que poñerche máis serio, menos serio, pero é que #ASNOSAS ao longo de toda a temporada adestran e adestran moi ben. Sabemos o que nos estamos xogando, o que nos queda, sabemos que vai ser bonito porque vai ser bonito e entretido, pero para iso hai que estar ben, hai que adestrar ben. Foi unha semana boa e imos a Lleida con todo".
Do empate cultivado a pasada fin de semana polo Dépor ABANCA ante o Zaragoza CFF, comenta que "lle dixen ao seu adestrador que deu un envorco. Eu non sei o que pasaba exactamente antes, pero agora, desde logo, os tres últimos partidos é un equipo con moita máis vida, con moitas máis ganas. É un equipo que dá medo no sentido de que sabes que che pode quitar puntos. Fomos con todas as garantías alí, pero en canto tivemos dous pequenos malos axustes á hora de saltar na perda fanche gol. A nosa maneira de xogar ten uns beneficios e uns prexuízos, e este é un. Se non o tes todo absolutamente axustado, podes encaixar".
Por este motivo, non se considera feliz porque "non vin aquí a empatar partidos nin a perder. Vin a gañalos absolutamente todos. As rapazas tamén. Entón cando non ganas, feliz non podes estar. Outra cousa é que vingamos coa cabeza abaixo e pensando que se terminou todo, porque nin moitísimo menos. Estamos moi vivas e viñemos para ascender".
Así pois, está a desexar que tralo último empate chegue o domingo porque "todos os equipos que están arriba teñen o propósito de ascender, pero nós temos un punto extra, e dígoo sempre desde a humildade, que é que nós, cando vimos, cando fichamos aquí, estamos a afastarnos da nosa cidade, dos nosos amigos, da nosa familia, da xente máis próxima. Entón temos ese extra de motivación e de identidade por conseguir este ascenso. Todos os partidos afrontámolos como finais porque son finais e os resultados son axustadísimos. Pero estamos fortes, estamos valentes, estamos a adestrar moi ben e somos moi boas. Quen nos queira quitar puntos vaino a ter complicado. Están a quitarnos puntos porque este xogo é así, pero estamos fortes e imos gañalo todo".
Do SE AEM, rival deportivista este domingo 27 de febreiro ás 12:00 no Municipal de Recasens de Lleida, apunta que "vén facéndoo absolutamente ben, con cambio de adestrador. Agora está Óscar Cobacho, que é un adestrador que o fai moi ben e que o facía moi ben antes no RCD Espanyol. É un partido dificilísimo. Xunto co do Barça na Cidade Deportiva e algún máis. É dos partidos máis difíciles, seguro. Outra cousa é que non hai que esquecer que somos o Dépor ABANCA, somos as xogadoras que somos, somos o staff que somos e imos gañar. Imos ir alí a levarnos os tres puntos e aí non podemos ter ningún tipo de dúbida. Pero iso non quita que sexa un dos equipos máis poderosos da liga sen dúbida".
Co FC Levante Las Planas por diante (39 puntos); e o DUX Logroño (37 puntos) e RCD Espanyol (35 puntos) xusto por detrás, Miguel Llorente sostén que o feito de que "haxa equipos máis involucrados nesta pelexa vénnos ben porque así nos quitamos puntos entre todos. Non queda tan claro quen pode ser o candidato número un para ascender, pero se repasas o calendario xornada após xornada, poden ser os nosos partidos complicados, pero logo ves os enfrontamentos dos rivais e son todos complicados. Está ben que haxa máis equipos implicados. Hai moito nivel en Reto e estádelo vendo este ano. Benvidas á festa".
Finalmente, preguntado por Laura Fernández, decisiva de novo o pasado domingo co seu gol do empate ante o Zaragoza CFF, subliña que coas lesións "non está a ter sorte. É algo xa que vén da súa carreira, pero se todas as xogadoras que máis menos están lesionadas, meten catro goles no que vai de temporada e danche un empate o día do Atlético de Madrid, un empate o día de Osasuna e un empate o día de Zaragoza, non vou dicir 'benvida sexan as lesións', pero aí está a demostrar que tipo de xogadora é. Con 12, 15 minutos márcache un. Non deixo de pensar como sería se a tivésemos 90 minutos todos os partidos, pero as cousas non son nin boas nin malas. Son como son. Entón se a temos 15 e márcanos 1 pois pois benvido sexa ese gol. Esperando a ver se pode ser que se vaia recuperando aos poucos e poida ir contando con máis minutos, pero neste momento é unha xogadora importante a pesar de estar a xogar pouco".



