RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mosquera cre que o deportivismo onte en Riazor estivo "espectacular"

Pedro Mosquera cualificou de "espectacular" o comportamento da afección onte en Riazor ante o Atlético, "despois dun partido malo como o de Leganés. A xente estivo connosco a matar, apoiando en todo momento. En canto lles demos un pouquiño eles leváronnos polo aire cara arriba. En canto demos tres pases seguidos e fiamos xogadas. Iso sempre o tivo Riazor, e é o que temos que dar para que equipo e afección sexamos un".

Lembra ademais o momento vivido onte finalizado o encontro, con todo o equipo e Pepe Mel facendo unha piña no centro do campo: "Son cousas positivas para o grupo, para a xente. Son cousas que suman e sempre temos que facer iso, compartir co público todo o que podamos, porque eles dannos moito. É unha forma de expresarlles que valoramos todo o que nos deron durante o partido. E que gocemos desa sensación do final do partido, cando a xente está a aplaudirnos, como un premio que nos poida valer para motivarnos para o seguinte partido".

Ademais, o mediocentro cre que a nivel futbolístico o empate "vai vir moi ben non só porque sacásemos un punto. As sensacións foron boas".

Recalca que os dous partidos que veñen agora (domingo 5 de marzo en Xixón ante o Sporting e mércores 8 de marzo en Riazor ante o Betis) "son moi importantes para o futuro. Pódennos dar tranquilidade para o que queda de temporada. Son vitais para nós porque son rivais directos. Temos que sacar o máximo de puntos posibles e de aí seguir".

Concretamente do choque no Molinón (12:00 horas, Bein Sports), con máis dun milleiro de deportivistas nas bancadas, di Pedro Mosquera que "a todos os campos aos que imos sempre se despraza moitísima xente do Dépor. Parece que xogamos en casa. E contra o Sporting máis. Xa sabemos a rivalidade que hai. É un sitio que non está tan lonxe como poida estar Sevilla. Está máis preto. Creo que vai ser un partido moi bonito e se conseguimos gañar, vai gozar o dobre".

A nivel persoal, asegura o futbolista coruñés que "sempre en cada partido tentei dar o máximo. Ultimamente as cousas non me estaban saíndo ben. Son autocrítico sempre. Con balón estaba a faltarme un puntiño. Onte fixen un gran partido con e sen balón. Facíame falta. Agora o que temos que facer é seguir, non nos podemos conformar con isto. Quedan moitas xornadas".

Nesta liña, opina que "pode ser que fose un dos meus mellores partidos da temporada", aínda que lembrou tamén partidos como o Eibar na primeira volta, en Granada ou o partido de volta de Copa contra o Betis. "Teño que seguir nesta liña e tentar mellorar aínda máis", subliña.