RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Atlético de Madrid, 3º na táboa, pon a proba a un Dépor ABANCA "máis forte" e "preparado para loitar até o último partido"

O Dépor ABANCA ponse a proba mañá domingo ás 12:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR ante outro equipo situado en postos Champions como é o Atlético de Madrid, en partido correspondente á 19ª xornada en Liga F.

O técnico branquiazul fala de punto de inflexión a derrota ante o CD Costa Adeje Tenerife Egatesa, "onde xogamos unha primeira parte espectacular. Só concedemos unha ocasión que ademais lle vai ás ás mans a Inês Pereira. Ímonos ao descanso con 0-1 e cun gol anulado legal. E na segunda parte acaba o partido 5-1. A min nunca me pasou: ser tan dominante en 45 minutos e ser tan dominados nos segundos 45. Entón eu tiña a miña opinión pero o importante era escoitar ás xogadoras. E aí saíron frases, reflexións, opinións espectaculares. Puxémolo todo xunto, corriximos, reforzamos cousas e sobre todo en competir os 90 minutos, en nunca renderse, en remontar contra un equipo top un partido en Zubieta que pasou por un traballo que fixemos conxunto, de grupo".

Asegura que "as futbolistas nunca tiveron dúbidas do que eu propuxen e eu nunca tiven dúbidas das xogadoras. E desde esa derrota que foi dura nos foi bastante ben. Levamos 10 puntos de 12 e imos con ganas de loitar polos 3 puntos". 

Co citado triunfo ante a Real Sociedad a pasada fin de semana, As Nosas suman 19 puntos na 12ª posición.

Fran Alonso asegura que "non se compite igual cando estás en postos de descenso que cando non o estás. Es máis valente. Métenche un gol e non te afundes tanto. Agora somos un equipo máis forte. O outro día márcannos gol e, aínda que houbo circunstancias como o cartón vermello, o equipo tivo a fortaleza mental de remontar contra un equipazo. Incluso os últimos 10 minutos sometéronnos. Iso antes non pasase".

Iso si, lembra que "non conseguimos nada. Estamos preparados para loitar até o último partido de liga. A salvación, se se consegue, será moi preto do último partido".

O preparador deportivista confirma a baixa de Henar aínda que resalta que "recuperamos a Marina Artero".

Pola súa banda, o Atlético de Madrid a pasada fin de semana impúxose (1-0) ao Sevilla FC.

As branquivermellas, nas que milita a ex deportivista Gaby (na foto no partido de ida), son terceiras na clasificación da Liga F con 33 puntos, só superadas por FC Barcelona e Real Madrid.

Na primeira volta disputada na Cidade Deportiva Wanda Alcalá de Henares o 15 de setembro (2ª xornada) gañaron as madrileñas (2-1) con tanto do Dépor ABANCA obra de ADT.

Lonxe do seu campo esta temporada o Atlético gañou á Valencia Féminas CF (0-4), Athletic Club (1-2) e Sevilla FC (0-2);  empatou co Real Madrid CF (1-1), RCD Espanyol (0-0), UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (2-2), Levante As Planas FC (1-1) e Granada CF (0-0); e perdeu co Real Betis Féminas (2-1).

O Club colchoneiro confirmou nas súas canles de comunicación a baixa por lesión de Fiamma.

Finalizado o choque de ABANCA-RIAZOR, As Nosas adestraranse de novo en Abegondo o luns 17 de febreiro ás 11:00 horas.