Kevin Cabado, responsable do Dépor ABANCA, fixo balance da temporada 2024-25 recentemente finalizada na sala de prensa de Abegondo.
Após repasar nun sinxelo vídeo os fitos de case 9 meses de competición, subliñou que "foi unha temporada onde seguimos establecendo o proxecto dentro do que queremos, dentro do que marca o noso plan estratéxico. Baséase en dous alicerces: en que o primeiro equipo feminino estea no fútbol profesional e en que sigamos apostando de forma decidida e clara pola canteira".
Recalca que "a nivel de rendemento conseguimos a permanencia do primeiro equipo en Liga F, que no primeiro ano na categoría tiñamos claro que era un obxectivo, que como demostraron nos equipos que subiron en anos anteriores, difícil. E agora seremos ambiciosos de cara ás próximas temporadas. Conseguimos o ascenso do filial, do equipo sub-21, do equipo xuvenil, de todos os equipos que compiten en categoría senior. Con iso, 4 dos nosos primeiros 5 equipos están nas 5 máximas categorías a nivel nacional. Iso converte a estrutura do club nun referente, en algo importante porque salvo en Primera RFEF temos equipos en todas as categorías nacionais senior. E conseguímolo apostando e crendo na canteira nun ano tan complicado que había que gañar todos os partidos porque tiñas que competir cada día".
O responsable deportivista apunta que "sumamos máis de 1.500 minutos de xogadoras de filial no primeiro equipo. Participaron até 7 canteirás en competición oficial. Tiveron minutos de calidade, axudáronnos moito, estamos a darlles paso. Algunhas delas verédelas xa no primeiro equipo a próxima temporada".
Insiste en que "conseguimos recoñecemento en seleccións. É o ano de que máis situacións tivemos internacionais, até 11, contando as citacións coas absolutas e categorías inferiores".
Conclúe que "todo isto o conseguimos pola aposta clara e decidido do Club polo fútbol feminino. Vemos as obras na Cidade Deportiva, as melloras que estamos a ter. Somos uns privilexiados, temos espazos exclusivos. A reforma do vestiario coa sala de fisioterapia e sala médica integrada dentro. O comedor onde o equipo almorza todos os días e come practicamente a maioría. Estades a ver a construción do novo ximnasio xunto ao campo artificial, a clara aposta a xogar en ABANCA-RIAZOR. O Dépor está a converterse nun referente nese sentido. Xunto ao Éibar somos o único equipo que xogou todos os partidos no estadio. E froito de todo iso recollemos moitas cousas: renovación de xogadoras moi importantes. Todas as xogadoras que o Club lles fixo oferta de renovación seguen aquí, xogadoras que chamaron moito a atención no seu primeiro ano en Liga F. E non é que apostasen por estar aquí 1 ano, é que moitas apostaron por estar aquí moitas temporadas. Esta semana o deportivismo levouse unha alegría en forma de renovación".
Estas foron algunhas das súas frases:
Renovación de Olaya
"Contou ela nalgún medio que desde o primeiro día que estivo aquí transmitímoslle que queriamos que estivese connosco moitos anos. É unha xogadora que ten ADN Dépor. Ten talento, paixón, sacrificio, loita. É unha xogadora que gusta moito en ABANCA-RIAZOR. É unha xogadora sobre a que podemos construír un futuro moi ambicioso. É unha xogadora de 20 anos, que para ser o seu primeiro ano na máxima categoría tivo números moi importantes en área rival e sumando moitos minutos".
"Na renovación hai que atribuírlle o mérito a ela porque sempre quixo estar aquí. Foi a que desde o primeiro momento púxonos todas as facilidades, enganchouse ao proxecto desde o primeiro momento".
"Temos que agradecer a #ANOSAFORZA que estea aquí. Toda a segunda volta escoitamos os cánticos pedindo que quedase e as pancartas en todos os partidos foi diferencial. Iso non pasa en todos os lados. O Dépor vívese doutra maneira. Estamos moi contentos que siga".
"Tamén lle agradecemos ao Real Madrid porque puxo todas as facilidades. Sobre todo Ana Rosell, a súa Directora Deportiva. Oxalá teñamos a Olaya moitos anos connosco".
"Co Real Madrid non había opción de compra no contrato de cesión. Houbo un acordo de traspaso, pero un traspaso moi baixo, que non debería afectar moito no resto de incorporacións".
Incorporacións
"Temos unha base boa. Para moitas era o seu primeiro ano na máxima categoría ou que levaban anos sen competir na máxima categoría. Hai xogadoras que foron crecendo moito ao longo da temporada. Os números da segunda volta diferéncianse moito da primeira. Pasa por reter o talento. Fomos capaces. Era difícil pero elas apostaron. Despois por seguir apostando pola canteira. Temos mozas preparadas para sumar. Todos nos emocionamos vendo a Paula Novo defender esta segunda volta o partido en Valdebebas, parando a xogadoras de nivel internacional. Despois porque acertemos no mercado. E que #ANOSAFORZA síganos apoiando. A aposta do Club é clave, achegar o fútbol á cidade, estamos en ABANCA-RIAZOR. O partido do Sevilla FC empatouno a xente".
"Coas xogadoras que temos, coa canteira e coa afección o proxecto vai crecer e imos colocar ao Dépor onde merece estar".
Obxectivo
"Seguir coidando eses alicerces. Non descoidar nunca que as xogadoras de abaixo teñan proxección co primeiro equipo porque nos marquemos obxectivos demasiado rápidos. Cada ano ir escalando en Liga F sen querer dar dous pasos antes que dar un".
"De cara ao plan estratéxico en 4 ou 5 temporadas ir colocando ao Dépor como un referente a nivel nacional. Ese é un obxectivo máis a medio prazo que para a temporada que vén".
Tope salarial
"É unha reforma que era necesaria. Temos que seguir dando pasos. Tampouco imos profundar moito. O Dépor ten que cumprir unha serie de obxectivos, de ítems, para que o primeiro millón non compute no límite salarial do masculino. Non creo que vaia a ser moi relevante porque un dos obxectivos do Club é a sustentabilidade feminina".
Fran Alonso
"Tiña unha renovación automática por conseguir o obxectivo. Será o adestrador do Dépor ABANCA na temporada 2025-26. Estamos encantados co seu traballo. Os números son bos. Máis aló é a súa implicación, o coñecemento do proxecto".
"Nos 15 partidos da segunda volta sempre houbo mínimo unha canteirá en todos os partidos".
Planificación
"Traballamos con Fran Alonso da man. Estamos todos os días falando, buscando o mellor, ver onde podemos mellorar ao equipo, vendo as necesidades que podamos ter e que o cadro sexa o máis completa posible para adaptarse ao que el quere".
Bárbara Latorre
"Renova automaticamente por obxectivos".
Posicións para reforzar
"Estaremos ao redor de 6, 8 incorporacións a temporada que vén. Buscamos reforzar aqueles postos que cremos que temos marxe de mellora e que en efectivos nos quedabamos curtos porque non tiñamos proxección no filial".
"Na portería unha incorporación; lateral esquerdo que a única xogadora con perfil puro, Francisca Lara, non continuará; e haberá algunha xogadora de ataque".
Cris Martínez
"Contamos con Cris. Estará uns meses de baixa pero estamos a desexar que volva xogar. Ela tamén ten esa ilusión. Temos exemplos en Liga F de xogadoras que tiveron embarazo e volveron ao seu máximo nivel".
"Contaremos con Paula Novo. Seguiranos axudando con licenza do filial porque o filial dá un salto a Segunda RFEF e cando non dispute minutos axudaranos no B. Non reforzaremos esa posición porque un proxecto de canteira debe deixar sitio ás xogadoras que estean preparadas".
Inês Pereira
"A intención do Club sabédela. Isto vai de rendemento. O seu foi moi alto. O seu nivel de implicación co Club, a sinerxía que se creou con #ANOSAFORZA foi brutal. É unha operación difícil e non sabemos o que vai pasar".
Marina Artero
"As 3 cedidas o rendemento foi bo. O caso de Olaya e Marina, as máis novas, foi de menos a máis. Demostra a proxección que teñen as dúas. No caso de Marina facemos unha valoración positiva. É verdade que nos gustaría poder contar coa xogadora. Así llo transmitimos tanto ao Athletic como a ela".
Lucía Rivas
"Está a correr no campo 6 ou 7. Evoluciona moi favorablemente. Contamos que ao comezo da temporada estea a adestrar co grupo. Temos nela as mesmas perspectivas que antes da lesión. No momento que se lesiona renovámola até 2027 con contrato ligado ao primeiro equipo. Outra con ADN Dépor. É eléctrica, pasional, desequilibrante e que nos vai a dar moitas alegrías".