RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor 2020-21 bota a andar

O Deportivo iniciou esta mañá a pretemporada en Abegondo cun primeiro adestramento que arrancou ás 9:30 horas. 

Ás ordes de Fernando Vázquez, e cun corpo técnico que quedará definitivamente configurado "nas próximas horas", segundo asegurou o Director de Fútbol Richard Barral, estiveron sobre o céspede todos os futbolistas que pasaron as probas médicas o pasado venres; ademais de Claudio Beauvue, que regresou á Coruña durante a fin de semana.

A boa noticia do día foi a presenza de Somma co grupo durante toda a sesión. O futbolista italiano, que asinou a súa renovación por unha temporada máis, atópase na recta final da súa recuperación, que iniciou en Italia e continuou en Abegondo cos Servizos Médicos do Club. Así pois, unicamente Uche exercitouse á marxe do grupo, entre o ximnasio e o campo.

Soamente faltaron hoxe á cita Dani Giménez, que estará uns días cun tratamento específico tutelado polos Servizos Médicos da súa lesión nun cuádriceps; Diego Rolan, co que o Club negocia a saída após completar unha boa temporada en México; e Gaku, con problemas coas ligazóns aéreas para regresar desde Xapón.

Na sesión de hoxe, após un quecemento e rondos, o técnico deportivista dispuxo un circuíto de forza e un partido no campo 2 para concluír o traballo sobre o céspede.

Esta tarde, o cadro adestrarase de novo a partir das 18:00 horas en Abegondo.