Dépor ABANCA, SD Eibar e CDF Osasuna Femenino venceron os seus encontros na penúltima xornada de Primeira Federación Iberdrola, o que mantén o triplo empate na segunda posición, agora a 52 puntos, a falta dos últimos 90 minutos da temporada.
O Dépor ABANCA impúxose por 6-2 ao CD Juan Grande Ginelux, mentres que SD Eibar e CDF Osasuna Femenino venceron, ambos por 2-0, a Córdoba CF e Real Oviedo Femenino, respectivamente.
Na 30ª e última xornada, que se disputará a próxima fin de semana de novo en horario unificado, os tres aspirantes xogan fóra de casa. O Dépor ABANCA visita ao DUX Logroño, o SD Eibar ao Granada CF (cuarto a 3 puntos do trío cabecero) e o CDF Osasuna Femenino xoga en campo do CP Cacereño Femenino.
Varias combinacións de resultados colocan ao Dépor ABANCA a próxima temporada na máxima categoría nacional:
- Se o Dépor ABANCA gana e a SD Eibar empata ou perde, ascenderán as branquiazuis, posto que se tamén gañase o CDF Osasuna Femenino, un hipotético empate favorece ás coruñesas, que gañaron ambos os partidos ante as pamplonicas.
- Se o Dépor ABANCA empata e SD Eibar e CDF Osasuna Femenino perden os seus encontros.
- Se perden Dépor ABANCA, CDF Osasuna Femenino e SD Eibar, que o faría ante o Granada CF, provocaría un cuádruplo empate que tamén daría o ascenso ao equipo herculino, que suma 11 puntos ante eses rivais, por 8 das guipuscoanas, 7 das navarras e 6 das andaluzas.
O triplo empate entre Dépor ABANCA, CDF Osasuna Femenino e SD Eibar daría o ascenso ao conxunto vasco, xa que os resultados entre os tres equipos dan un novo empate a 7 puntos entre branquiazuis e azulgranas, que se resolvería a favor das segundas ao empatar en Abegondo e ganar en Unbe, do mesmo xeito que o empate simple entre deportivistas e armeiras.
Resulta rechamante que ningún equipo depende de si mesmo, xa que se SD Eibar e CDF Osasuna Femenino empatasen por diante do Dépor ABANCA, o ascenso sería para as navarras, posto que ambos os equipos derrotáronse a domicilio (0-1) e a diferencia de goles xeral favorece ao conxunto vermello: +20 por +13 do equipo vasco.
