RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA cae ante o Sevilla FC en ABANCA-RIAZOR nun partido marcado pola "diferenza de pegada"

O Dépor ABANCA non puido (0-4) co Sevilla FC este sábado 14 de febreiro en ABANCA-RIAZOR, en partido correspondente á 20ª xornada en Liga F.

Fran Alonso cre que a clave do encontro estivo na "diferenza de pegada". 

Con este resultado, As Nosas quedan en 12ª posición da Liga F con 20 puntos.

Á espera da chegada de Hildah Magaia, a internacional surafricana fichada no último mercado de inverno, foron baixa por lesión Henar e Millene, que esta semana foi intervida cirurxicamente no Hospital Quirónsalud A Coruña a cargo do traumatólogo Isidro Sebastián González González dunha luxación acromio clavicular que sufriu no encontro en ABANCA-RIAZOR ante o UD Costa Adeje Tenerife o pasado mes de xaneiro.

Paula Novo e a internacional sub-19 Lucía Rivas, de novo titular, foron as representantes de ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o Sevilla FC, que a pasada fin de semana goleaba ao Athletic Club (4-0), presentábase en ABANCA-RIAZOR en 6ª posición na táboa con 30 puntos.

Fran Alonso optou polo mesmo once que o pasado domingo goleou ao Madrid CFF con só un cambio: Yohana relevou na portería a Inês Pereira.

O adestrador do Dépor ABANCA explicou que a internacional portuguesa está "ben. Si que é certo que no anterior partido no gol do Madrid CFF tivo un pequeno xesto. Esta semana non adestrou o primeiro día e logo con normalidade. Yohana é unha porteira na que temos moitísima confianza. Leva adestrando moi ben durante moitas semanas, poñéndollo difícil a Inês e axudando a mellorar tamén a Inês. Dános moito dentro e fóra do campo. É unha das líderes deste vestiario. A decisión veu porque leva moitas semanas facéndoo moi ben e gañoullo".

A primeira clara foi para Vera. Recibe na área de Paula Gutiérrez e o seu remate sácao Sullastres nunha gran parada. 

No entanto, a colexiada do partido anulara a acción por posición antirreglamentaria da defensora deportivista.

Respondeu o Sevilla FC cun saque de esquina moi pechado que case sorprende a Yohana. O balón acaba no pau. O rexeite estrélao Isa Álvarez no lateral da rede.

O tramo final da primeira metade foi deportivista.

Lucía Rivas puido adiantar ao Dépor ABANCA após unha mala saída do balón sevillista. O disparo da canteirá vaise ás mans de Sullastres.

Pouco despois, Samara chega até a liña de fondo pero o seu pase atrás córtao unha defensora andaluza cando dous futbolistas branquiazuis se aprestaban ao remate.

Con 0-0 e "con ocasións moi claras que non as metemos", como se lamentou o preparador deportivista na sala de prensa, chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, chegou o vendaval andaluz.

Aos 52 minutos, nunha xogada de estratexia ao saque dunha falta lateral, Raquel cede en curto á súa esquerda a Esther, que á súa vez mete un balón na área para que Wifi remate a pracer no primeiro da tarde.

"Contra un equipo tan letal como é o Sevilla FC, con tanta calidade, hai que minimizar os erros ao máximo. E cometemos erros que nos penalizaron moito", apuntou Fran Alonso.

Pouco despois, no minuto 69, de novo Wifi definiu perfectamente ante Yohana e encarrilaba o encontro nunha transición rápida do conxunto sevillista.

Co Dépor ABANCA tocado, Kanteh, tamén nun contragolpe e cun balón longo ás costas da defensa, logra o 3º ao superar a Yohana no un contra un.

Seguiu o Sevilla FC buscando a área rival.

Andrea, nunha acción individual, estrelou o balón na cepa dereita da portería de Yohana.

Si acertaría a atacante andaluza no minuto 89. Rouba o balón a Barth no centro do campo e proba desde moi lonxe o disparo buscando sorprender a Yohana, que non logra atallalo. O balón cóase mansamente na portería do Dépor ABANCA.

A última do partido foi para Espe Pizarro, que de novo se atopa con Esther Sullastres. A ex deportivista repele co pé o chute da internacional uruguaia.

"Non é un partido de 0-4 nin moito menos pero cando métenche 4 é difícil de xustificar. Tentámolo até o final. Tivemos ocasións, non as metemos e o rival as que tivo meteunas todas".

Deportivo ABANCA: Yohana, Samara (Paula Monteagudo, min. 85), Raquel (Elena, min. 85), Barth, Vera, Lucía Martínez (Bárbara, min. 85), Paula Gutiérrez (Eva Dios, min. 90), Olaya, Lucía Rivas (Marisa, min. 62), Ainhoa Marín e Espe Pizarro

Sevilla FC: Sullastres, Isa Álvarez, Alicia Redondo (Julia Torres, min. 63), Raquel (Alba López, min. 84), Kanteh (Andrea A., min. 75), M. Cortés (Gema, min. 64), Wifi (Hagel, min. 75), Esther M.P., Iris, Rosa e Marques

Árbitra: Paola Cebollada, do comité aragonés. Amoestou a Lucía Martínez (min. 24), Lucía Rivas (min. 44), Alicia Redondo (min. 45+3), Paula Gutiérrez (min. 45+4), Espe Pizarro (min. 49) e Raquel Morcillo (min. 79) 

Goles: 0-1 Wifi (min. 52); 0-2 Wifi (min. 69); 0-3 Kanteh (min. 71); 0-4 Andrea A. (min. 89)

Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 631 espectadores. As futbolistas portaron cordóns arcoiris pola campaña "Amor polas Cores" no Día Internacional contra a LGTBIFOBIA no deporte.