RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA calibra ante o Córdoba CF a súa fiabilidade en Abegondo

O Dépor ABANCA calibrará coa visita do Córdoba CF mañá sábado 10 de decembro ás 12:00, en partido correspondente á 12ª xornada, a súa fiabilidade en Abegondo, onde até a data cultivou 5 vitorias e tan só 1 empate ante o SD Eibar.

Despois do empate agridoce da pasada fin de semana en Barcelona ante o RCD Espanyol, un dos favoritos a pesar de estar provisionalmente fóra do grupo de cabeza, a xornada deixou a #AsNosas en 3ª posición da clasificación con 21 puntos, igualadas co CP Cacereño Femenino. Por diante marchan SD Eibar (22 puntos) e CDF Osasuna Femenino (23 puntos).

En rolda de prensa, Irene Ferreras comentou este mediodía que Laura Fernández "contra o RCD Espanyol tivo un golpe no cuádriceps e non puidemos recuperala; e Sara Navarro e Samara teñen problemas musculares", ambas as dúas nos isquiotibiais. As tres futbolistas causan baixa pois para mañá. Por contra, Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA nunha lista de 18 xogadoras ante un rival da zona baixa, o Córdoba CF, decimosegundo con 11 puntos.

As andaluzas preséntanse na Cidade Deportiva despois dun empate (2-2) no seu campo a pasada fin de semana ante o Athletic Club B.

Lonxe da súa Cidade Deportiva, o Córdoba CF gañou ao CD Juan Grande Ginelux (0-3); empatou (1-1) co UDG Tenerife B; e perdeu co CDF Osasuna Femenino (2-0), Granada CF (1-0), Rayo Vallecano (3-1) e CP Cacereño Femenino (1-0). O seu balance goleador é desfavorable: 5 tantos anotados e 8 encaixados.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con control de accesos á Cidade Deportiva.

Todo o público debe retirar entrada, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional para todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada. Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición, localización e aforamento na instalación. O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para cada partido para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o encontro, #AsNosas adestraranse de novo o domingo 11 de decembro ás 9:00 en Abegondo.