RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA despide a liga mañá en Albacete co ascenso no peto pero o título en xogo

O Dépor ABANCA pecha a temporada en Primera Federación Iberdrola mañá sábado 27 de abril ás 19:30 ante o CD Alba Fundación Femenino na Cidade Deportiva Andrés Iniesta.

As Nosas chegan a esta última cita co ascenso xa no peto pero co título en xogo. Na cabeza da táboa as branquiazuis suman 55 puntos, os mesmos que un FC Barcelona B por diante por mellor golaverage particular (0-0 en Abegondo e 6-2 na Cidade Deportiva Joan Gamper).

Así pois, para lograr a medalla de ouro o Dépor ABANCA necesita gañar e que o filial azulgrana non o faga en Lezama ante o Athletic Club B; ou empatar e que as catalás caian neste último partido.

O conxunto deportivista viaxa con tres sesións de traballo completadas pero despois dunha semana infestada de actos de celebración con visitas á Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, ABANCA e Estrella Galicia. "É unha marabilla cumprir un obxectivo neste lugar e nesta cidade onde todo o mundo envorcouse connosco e recoñecéronnos o esforzo", apuntou Irene Ferreras esta mesma mañá na sala de prensa de Abegondo.

Ademais, recibiron onte xoves unha cariñosa homenaxe no campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo por parte do primeiro equipo masculino.

Futbolistas e técnicos do Dépor fixeron un emotivo corredor e aplauso ás futbolistas e técnicos do Dépor ABANCA como felicitación polo ascenso á liga F.

"Oxalá llo podamos devolver. É un ano moi bonito para os dous equipos, para o Dépor en xeral. É un ano onde os equipos teñen que estar xuntos porque iso fai a diferenza. A nivel persoal e como equipo estamos moi contentas. O recoñecemento dos mozos foi algo moi bonito para nós", comentou Millene Cabral, que chega a este último partido con 15 goles, a 1 da barcelonista Ariana Arias, á fronte da clasificación do pichichi.

Esta mañá, Imanol Idiakez arrincou así a súa comparecencia ante os medios de comunicación: "Gustaríame felicitar ás mozas polo ascenso. Como non ando con redes sociais utilizo esta vía máis directa. Estou moi contento por elas e felicitarlles, especialmenta a Irene. Estou moi contento que unha adestradora do seu nivel estea xa na categoría que merece, do mesmo xeito que todo o equipo".

E no medio dos festexos, a capitá Cris Martínez prorrogou o seu contrato até xuño de 2026. A preparadora branquiazul confesou estar "moi contenta por poder contar con ela, moi contenta por ela tamén, polo deportivismo porque é unha gran noticia. É unha xogadora que representa á perfección o que é o sentimento de pertenza, o que cada vez custa máis no fútbol. É unha tía moi humilde, moi traballadora, que lle está deixando moito, moi bo ás novas xeracións. Eu alégrome de que os camiños Cris Martínez e Dépor vaian da man porque aínda temos moitas cousas bonitas por vivir. Alégrome especialmente tamén que puidese vivir este ascenso, porque á parte de facer historia fíxoo co recoñecemento que se cadra no seu día non tivo co outro".

A da lateral astorgana é a segunda renovación no primeiro equipo feminino após a de Paula Gutiérrez do pasado mes de marzo.

Non poderán saltar ao céspede en Albacete por lesión Ayaka e Ana de Teresa. Así mesmo, desprázanse as canteirás Paula Novo, Carmen Carballada, Paula Monteagudo, Elena Vázquez, Noela e Lucía Rivas.

Si está dispoñible Eva Dios, que ante o Cacereño Femenino a pasada fin de semana cumpriu o seu partido 100 coa camiseta branquiazul.

Pola súa banda, o CD Alba Fundación Femenino, que a pasada fin de semana venceu ao Madrid CFF B (0-4), é 9º na táboa con 32 puntos.

No partido da primeira volta disputado en Abegondo o pasado 13 de xaneiro houbo empate sen goles (0-0).

Na Cidade Deportiva Andrés Iniesta esta temporada as albaceteñas gañaron ao DUX Logroño (2-1), Madrid CFF B (3-1), Athletic Club B (2-1), Alhama CF (2-1), Cacereño Femenino (4-3), Atlético de Madrid B (1-0) e CE Europa (3-1); empataron co SE AEM (0-0); e perderon co RCD Espanyol (1-2), Deportivo Alavés (1-2), FC Barcelona B (0-2) e CD Fundación Osasuna Femenino (1-5). 

Este mediodía, o Dépor ABANCA realizou o último adestramento antes de viaxar a Albacete, segundo esta folla de ruta:

Venres 26 de abril
12:00: Adestramento en Abegondo
14:30: Comida en Abegondo
17:10: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino o Aeroporto de Barajas - Adolfo Suárez
18:20 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto de Barajas - Adolfo Suárez e traslado en autocar a Albacete
21:00 (hora aproximada): Chegada ao Hotel Palacio Albacete & Spa

Sábado 27 de abril
19:30: CD Alba Fundación Femenino - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva Andrés Iniesta
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña