RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA estrea o horario dos venres en ABANCA-RIAZOR ante o Levante UD en "unha oportunidade de pór as cousas no seu sitio"

O Dépor ABANCA estrea o horario dos venres mañá 17 de xaneiro ás 20:00 horas (Dazn) en ABANCA-RIAZOR ante un rival directo pola permanencia, o Levante UD.

Ambos os equipos chegan igualados na táboa con 9 puntos aínda que por diante as levantinas, décimo cuartas, que teñen mellor diferenza de goles.

"Todas as semanas son importantes pero é certo que sobre todo despois dun resultado adverso canto antes xoguemos mellor", admitiu Fran Alonso ante os medios de comunicación onte mércores.

O técnico deportivista cre que o partido é "unha oportunidade de pór as cousas no seu sitio". 

Asegura que o seu equipo, a pesar da derrota do pasado sábado en Tenerife, chega ao choque "con boas sensacións. Tivemos que condensar un pouquiño máis o traballo da semana pero o equipo reaccionou moi ben e estou bastante contento de como estamos a adestrar".

"Por suposto que estamos fodidos o día despois dunha derrota, sobre todo como pasou; pero sacódesche, aos 2 días vés e xa o dás todo: calidade, entrega, ilusión... É un pracer ver adestrar a este equipo, así que por iso vénme a ilusión. Non vai de min a elas, vén delas a min", conclúe.

Apunta que "a nivel de baixas estamos ben. Hai un par de xogadoras que por precaución non están a facer todo. Están en modificado, pero para o partido todo o mundo pode chegar".

Pola súa banda, o Levante UD chega a ABANCA-RIAZOR após caer (3-0) ante o Atlético de Madrid na Cidade Deportiva de Alcalá de Henares.

Lonxe do seu campo as azulgrana gañaron ao Eibar SD (0-3) e Real Betis Balompié (1-2); empataron co UD Costa Adeje Tenerife Egatesa (0-0); e caeron ante o Levante Las Planas FC (2-0), Real Madrid CF (6-0), Madrid CFF (2-1) e o citado choque ante o Atlético de Madrid (3-0).

Finalizado o choque, As Nosas descansan o sábado 18 e o domingo 19 de xaneiro.