RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor ABANCA examina as boas prestacións no seu campo do FC Barcelona B

O Dépor ABANCA rende visita ao Barça B na Ciudad Deportiva Joan Gamper mañá sábado 12 de marzo ás 16:00 (Barça TV), con motivo da xornada 20 de Reto Iberdrola.

Após unha pasada xornada na que ningún dos oito primeiros equipos da clasificación lograron gañar os seus partidos, as branquiazuis son segundas con 40 puntos por 43 puntos do líder, o FC Levante Las Planas.

Alba Merino; Goretti; Andrea Sierra; Paula Gutiérrez; e Eva Dios, esta cunha lesión muscular no recto anterior da coxa dereita; ademais da canteirá Aroa Guerra, son baixa por lesión no Deportivo ABANCA para este partido.

Sobre Paula referiuse onte en rolda de prensa Miguel Llorente: "As baixas pola nosa maneira de xogar nótanse sempre no persoal, pero non no futbolístico, porque eu tento que esa idea que propoñemos sexa unha idea de equipo. O que gaña é o equipo, o que perde é o equipo e o que xoga é o equipo. Eu insisto moito en que as tarefas, no momento de ver o xogo haxa unha intención conxunta. Creo que hai unha crenza no mundo do fútbol de cambiar ficha por ficha. Para min o xogo non é xadrez, é algo conxunto, global, que todas as xogadoras entenden igual".

Así pois, asegura que o papel da lesionada Paula "pódeo desempeñar outra xogadora perfectamente. Persoalmente claro que se nota a baixa, porque somos un equipo que está moi unido e gústanos vernos as caras todos os días. No momento que se lesiona unha xogadora e non podemos ter esa relación tan estreita amólanos, porque persoalmente nos gusta estar xuntos e xuntas, vernos e charlar. Pero a nivel futbolístico, a intención conxunta que temos e que nos movemos todas e xogamos todas como un todo, non vai notar a baixa nin moitísimo menos".

As canteirás Tati, Paula Monteagudo e Noela completan a convocatoria de 16 futbolistas.

O partido será sen dúbida especial para Miguel Llorente, ex adestrador do conxunto azulgrana a pasada temporada. Nesta campaña, as culés marchan oitavas con 30 puntos.

Na primeira volta, en Abegondo, gañou o Dépor ABANCA pola mínima (2-1), na estrea do equipo branquiazul esta temporada ante #ANOSAFORZA.

A pasada xornada, o FC Barcelona B caeu no Centro Deportivo Wanda Alcalá de Henares (2-1) ante o Atlético de Madrid B.

No entanto, no seu campo, ten números de equipo de zona nobre, con 7 vitorias e tan só 2 derrotas; e cun total de 17 goles a favor por 7 en contra.

O plan de viaxe alterou a rutina de traballo semanal. Hoxe venres, o cadro deportivista adestrouse pola tarde en Abegondo en lugar da habitual hora das 11:30 para, ao concluír a sesión, partir cara á capital catalá nun voo que despega do Aeroporto da Coruña ás 22:30 horas.

A folla de ruta do Dépor ABANCA é a seguinte:

Venres 11 de marzo
18:00: Adestramento en Abegondo
20:00: Cea no Restaurante Las Tablas (Carral)
22:30: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Barcelona

Sábado 12 de marzo
00:05: Chegada aproximada ao Aeroporto de Barcelona e traslado ao hotel Exe Barcelona Gate
16:00: FC Barcelona B - Deportivo ABANCA, na Ciudad Deportiva Joan Gamper (Sant Joan Despí)
20:15: Saída do voo do Aeroporto de Barcelona con destino Santiago
22:05: Chegada aproximada a Galicia

Finalizado o encontro, a próxima sesión de traballo do Dépor ABANCA será o martes 15 de marzo ás 17:00 horas. O luns 14 haberá xornada de descanso.