RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA mídese mañá en Abegondo con outro filial, o Madrid CFF B, co obxectivo de non soltar esa dinámica positiva

Despois de derrotar ao Atlético de Madrid B a mediados do mes pasado no único partido disputado até a data en Abegondo nesta liga, o Deportivo ABANCA recibe mañá sábado 7 de outubro (12:00, Youtube RC Deportivo) a outro filial, neste caso o Madrid CFF B. O choque corresponde á 4ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

As Nosas, que veñen de vencer en Logroño ao DUX (1-2), son líderes do grupo en solitario con 9 puntos de 9 posibles; seguidas polo RCD Espanyol e SE AEM, ambos con 7 puntos. 

"Estamos moi contentas porque hai que gozar das dinámicas positivas. É moi complicado gañar partidos, e máis complicado encadear vitorias. Temos un partido no que temos que marcarnos como obxectivo non soltar esa dinámica positiva", asegurou Irene Ferreras hoxe na sala de prensa de Abegondo.

A adestradora deportivista ten á súa disposición a todo o seu cadro. "Nese sentido fenomenal", apunta. Elena Vázquez, que acaba de participar nuns adestramentos coa selección española sub-17 e que con 15 anos debutou como titular en liga co primeiro equipo en Logroño, será a representante de #ANOSACANTEIRA na citación de 18 futbolistas.

Pola súa banda, o Madrid CFF B, que chega a Abegondo após sumar a súa primeira vitoria esta temporada ante o Cacereño Feminino (3-1) en casa, é 11º na táboa con 3 puntos. No seu único partido fóra até a data, as madrileñas caeron (1-0) en Vitoria ante o Deportivo Alavés.

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes á Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o partido, As Nosas adestraranse de novo o domingo 8 de outubro ás 10:00.