RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA non atopa o camiño do gol (0-0)

O Deportivo ABANCA sumou un empate no seu regreso ao Estadio ABANCA-RIAZOR, fronte a un DUX Logroño ao que foi netamente superior durante os 90 minutos a pesar de que non atopou a maneira de levar a pelota ao fondo da súa portería.

Desde o minuto 1 volveuse a ver ao mesmo Dépor ABANCA dominador da primeira metade da temporada. Posesión e empuxe, encerrando ao rival no seu propio campo e con rápidas recuperacións de pelota após perda.

As ocasións na primeira parte foron unha sucesión de lanzamentos afastados ou escorados, como o centro-chute de Ainhoa Marín desde a dereita a mans de Poza no minuto 5 ou o que Alba Merino realizou desde 30 metros no minuto 11, tamén fácil para a porteira do equipo rioxano.

Máis preto do gol estivo, ao cuarto de hora, Paula Gutiérrez. A recentemente renovada centrocampista catalá soltou un canonazo colocado desde 20 metros que se marchou rozando o traveseiro. Alba Merino tamén o tentou no minuto 26, cun derechazo cruzado dentro da área que atrapou Poza. Foi o preludio ao primeiro achegamento visitante, nunha recuperación en tres cuartos da marfileña Aby Manou, que viu adiantada a Ana Valles e tentouna sorprender cunha vaselina. Pero o coiro foise por pouco por riba do traveseiro. Unha acción similar produciuse á media hora, cando Valeria roubou a pelota en campo deportivista e tentou sorprender á porteira branquiazul, pero o seu disparo quedou curto e a pelota atrapouna con facilidade Ana Valles.

O DUX Logroño puido adiantarse no marcador cando Elloh aproveitou un erro de entendemento entre a defensa e a gardameta deportivistas. O disparo da dianteira marfileña sacouno baixo paus Inés Altamira. No tempo engadido da primeira parte, a terceira marfileña do equipo visitante, Coolfat, viu o segundo cartón amarelo por derrubar a Ainhoa Marín cando se ía cara á portería após tirar un autopase.

O guion do partido non variou co conxunto rival cunha xogadora menos. O dominio deportivista foi igual de infrutuoso na segunda metade que no primeiro período a pesar de ser por momentos algo máis intenso.

Paula Gutiérrez botou unha falta moi preto do recanto no minuto 48, pero o "uy" non volveu soar nas bancadas de ABANCA-RIAZOR até case vinte minutos máis tarde, cando Laura Fernández dispuxo da mellor ocasión do partido. Vika Hiryn conectou coa valisoletana, recentemente ingresada ao terreo de xogo, e a '10' herculina quedou man a man con Poza, pero o seu disparo coa esquerda foise por riba do traveseiro.

Dez minutos despois, Andrea Sierra protagonizou unha internada polo extremo dereito. O seu pase desde a liña de fondo non atopou rematadora. Acto seguido, outro balón en profundidade para Laura Fernández desbaratouno a porteira visitante, que se anticipou por pouco á dianteira branquiazul. Xa no minuto 82, Eva Dios empalmou unha volea afastada que, moi centrada, atrapou sen problemas a porteira do cadro rioxano.

Deportivo ABANCA: Ana Valles, Andrea Sierra (Cris Martínez, min. 89), Inés Altamira, Raquel García, Eva Dios, Paula Gutiérrez, Alba Merino (Laura Fernández, min. 65), Jone Ibáñez, Ainhoa Marín, Vika Hiryn e María Ruiz.

DUX Logroño: Poza, Palacios, Marta, Coolfat, Infante, Valderas (Öhman, min. 90+3), Valeria (Laura Martínez, min. 65), Ana Hernández, Solow, Aby Manou e Elloh.

Árbitro: Espasandín Cores (c. galego). Cartón amarelo a Aby Manou (min. 8), Coolfat (min. 35), Valeria (min. 47), María Ruiz (min. 49) e Paula Gutiérrez (min. 74).

Incidencias: partido da 28ª xornada do grupo Norte de Reto Iberdrola disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR.