O Dépor ABANCA buscaba en Xixón recuperar a senda da vitoria e volver meterse nos postos altos e de continuidade na categoría e o partido en Mareo empezou cun entretido intercambio de golpes entre ambos os equipos.
A primeira chegada foi local cun disparo de Andrea preto do pau dereito da portería defendida por Sampalo. A resposta do Dépor ABANCA chegou en xogada de estratexia após saque de córner, taconazo e ocasión para María Ruiz que obrigou a Cris á súa primeira intervención. Unha María Ruiz que tivo a primeira clara de verdade cunha cesión atrás de Ainhoa Marín que rematou alto desde o punto de penalti.
A que non fallou foi Marcela no minuto 13 cando nunha xogada similar, nun balón centrado que non puido interceptar Sampalo nin ningunha compañeira, desde a frontal da área pequena, si foi capaz de rematar abaixo e ao fondo da portería Deportivista para pór o 1-0 no marcador.
A partir de aí o partido, sobre todo en zona de ambas as áreas, baixou o ritmo inicial aínda que o marcador co que finalmente se chegou ao descanso puido cambiar. No minuto 23 Ainhoa estrelou o balón no pau, preto do que tamén se foi o disparo de Michelle no 44 co que se pechou o primeiro tempo.
A segunda parte empezou ben co empate das Nosas nunha xogada similar á do 1-0 pero neste caso cun centro por abaixo que rematou perfectamente María Ruiz ao fondo da portería. Após o gol Deportivista o partido volveu aos camiños da primeira parte, nun partido de ida e volta, sen un dominador claro e sen ocasións meridianas de gol para ningún dos equipos.
Houbo que mover o banco para axitar a árbore. Nada máis entrar ao campo substituíndo a Alba Merino, Laura Fernández puxo o 1-2 no marcador de Mareo. A balón parado respondeu o Sporting nunha falta que se estrelou na barreira para regresar aos pés da lanzadora, que xa coa barreira aberta e de volea, conseguiu dirixir o balón a portería para sorprender á zaga e a Sampalo e pór as táboas no marcador.
Un empate que pouco durou xa que, de penalti, Marcela, que abrira o marcador, pechou o definitivo desde os 11 metros sen capacidade do Dépor ABANCA para recuperar o equilibrio no marcador.
Real Sporting: Cris, Alba, Lili, Geral, Nuria (Natalia, min. 70), Noe, Kholo, Michelle Romero (Saioa, min. 88), Marcela, Andrea, Lezcano (Granda, min. 80).
Dépor ABANCA: Sampalo, Carlota Sánchez, Inés Altamira, Raquel García, Andrea Sierra (Vika, min 46), Jone Ibáñez (Cris, min 79), Paula Gutiérrez, Alba Merino (Laura Fernández, min 66), Ainhoa Marín, María Ruiz (Aroa Guerra, min 90) e Eva Dios.
Goles: 1-0 Marcela (min. 13); 1-1 María Ruiz (min. 50); 1-2 Laura Fernández (min. 67); 2-2 Noe (min. 73); 3-2 Marcela -p- (min. 76)
Árbitra: Ovies García (c. asturiano). Amoestou a Andrea (min. 63), Inés Altamira (min. 71), Carlota (min. 75), Alba (min. 75), María Figueroa (min. 75) e Lili (90+2).
Incidencias: partido da 27ª xornada de Reto Iberdrola disputado no Campo 5 da Escola de Fútbol de Mareo.
