RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

O Dépor ABANCA pon fin á súa pretemporada cun indiscutible triunfo ante o Athletic Club B

O Deportivo ABANCA impúxose con toda xustiza (3-0) ao Athletic Club B, equipo tamén de Primeira Federación Feminina, no último ensaio de pretemporada. O choque disputouse no campo Municipal Lles Caleyes (Villaviciosa, Asturias).

A partir de aquí quedará xa o arranque de liga o 11 de setembro en Abegondo ante o Rayo Vallecano; e a primeira eliminatoria da Copa de la Reina, o 13, 14 ou 15, tamén na Cidade Deportiva, ante o CD Parquesol.

Antes desta cita en Villaviciosa, as pupilas de Irene Ferreras competiron a bo nivel no Trofeo Cidade de Gaia de Portugal ante o Valadares Gaia FC (2-4); no Teresa Herrera ante outro equipo luso, o FC Famalicão (2-2 e 5-3 por penaltis); ante a SD Eibar (1-2) en Asturias, na súa única derrota este verán; ante o Viaxes InterRías FF (0-2) en Ribadumia no Trofeo Concello de Sanxenxo; e ante o Real Oviedo (1-1 e 4-2 a penaltis) en Ribadeo no Trofeo Emma Cuervo.

Esta tarde, a primeira parte foi de dominio absoluto do Dépor ABANCA ante un Athletic Club B que apenas inquietou a meta de Yohana, que regresaba aos terreos de xogo despois de superar unha contusión.

Noela, canteirá e unha das revelacións desta pretemporada en Abegondo, adiantou ás branquiazuis aos 12 minutos de xogo despois dunha gran definición.

Ainhoa Marín, no minuto 40 despois dunha bonita acción de Carlota Suárez; e a propia Carlota Suárez, no minuto 44, ao aproveitar unha asistencia de Eva Dios, subiron o 3-0 provisional no marcador que facía xustiza ao sucedido no terreo de xogo.

Na segunda parte Irene Ferreras, adestradora deportivista, comezou a mover o banco. Henar Muiña, Laura Fernández e Aroa Guerra relevaron a Inés Altamira, Carlota Suárez e Ainhoa Marín xa de inicio.

O partido igualouse após o paso polos vestiarios pero aos poucos regresou o Dépor ABANCA mandón no xogo. De feito, tan só o Athletic Club B disparou unha vez á meta branquiazul.

Por contra, Aroa Guerra en dúas ocasións e Marta Charle tiveron as mellores opcións, aínda que sen puntaría nun partido xa decidido na primeira metade.

Deportivo ABANCA: Yohana, Cris, Inés (Henar, min. 46), Lorena Reina (Patri López, min. 70), Samara (Paula Novo, min. 60), Raquel, Paula Gutiérrez, Ainhoa (Laura Fernández, min. 46), Eva Dios (Marta Charle, min. 75), Noela e Carlota Suárez (Aroa Guerra, min. 46).

Finalizado o encontro ante o filial do Athletic Club, o cadro do Dépor ABANCA terá descanso mañá domingo 4 e o luns 5.

Os resultados de pretemporada do Dépor ABANCA foron os seguintes:

Valadares Gaia FC 2 - Deportivo ABANCA 4 (Carlota Suárez, Millene -2- e Eva Dios)
Deportivo ABANCA 2 (Paula Gutiérrez e Inés Altamira) - FC Famalicão 2. A penaltis: 5-3 (X Trofeo Teresa Herrera)
Deportivo ABANCA 1 (Ainhoa Marín) - SD Eibar 2
Viaxes InterRías FF 0 - Deportivo ABANCA 2 (Eva Dios e Marta Charle) (Trofeo Concello de Sanxenxo)
Deportivo ABANCA 1 (Ainhoa Marín) - Real Oviedo 1. A penaltis: 4-2 (Trofeo Emma Cuervo)
Deportivo ABANCA 3 (Noela, Ainhoa Marín e Carlota Suárez) - Athletic Club B 0