RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA reforza a aposta por ANOSACANTEIRA e sobe ao primeiro equipo ás canteirás Paula Monteagudo e Elena Vázquez

As canteirás Paula Monteagudo Ibáñez (Vigo, Pontevedra, 9 de maio de 2002) e Elena Vázquez Brandón (Carballo, A Coruña, 8 de outubro de 2007) incorpóranse para todos os efectos ao Deportivo ABANCA, nunha mostra máis do compromiso e da confianza do Club en #ANOSACANTEIRA.

Ambas chegan após conseguir o título a temporada pasada no grupo 1º de Tercera Federación, co consecuente ascenso a Segunda.

Paula Monteagudo incorporouse ao Deportivo ABANCA B na temporada 2021-22, procedente do Sárdoma CF. Na súa primeira campaña en Abegondo disputou 20 partidos, todos eles de titular, e anotou 12 goles.

Na campaña 2022-23, xa en dinámica do primeiro equipo, foi titular no filial os 12 partidos nos que foi convocada e marcou 10 goles. No Dépor ABANCA participou en 16 partidos, 8 deles como titular.

No exercicio 2023-24, Monteagudo disputou 2 encontros de liga co primeiro equipo, mentres que co B xogou 28 partidos e marcou 16 goles.

A temporada recentemente finalizada, a futbolista pontevedresa xogou 29 partidos no filial, todos eles de titular, e anotou 21 goles.

Así pois, Paula Monteagudo suma 18 aparicións oficiais co primeiro equipo; e 89 encontros e 59 goles co Dépor ABANCA B.

"Despois de 4 anos no Club creo que é o momento de dar un paso adiante. Teño moitas ganas de afrontar este novo reto e moita ilusión depositada nel", afirmou.

Finalmente agradeceu ao Club "toda a confianza depositada en min".

Debut no primeiro equipo con 15 anos

Pola súa banda, Elena Vázquez, no curso 2022-23, alternou participacións co Orzán SD e o Dépor ABANCA B. A futbolista carballesa proclamouse subcampioa de Europa coa selección española sub-17, pola que foi convocada a pesar de ter só 15 anos. 

A defensa branquiazul debutou co Deportivo ABANCA nun amigable co Deportivo Alavés Gloriosas disputado o 17 de febreiro de 2023.

Na 2023-24 converteuse na xogadora máis nova en debutar en partido oficial co Dépor ABANCA, con só 15 anos. Foi no encontro da 1ª xornada de Primera Federación FutFem en campo da CE Europa (1-2), no que ademais deu a asistencia do tanto da vitoria. Elena completou o curso con 9 aparicións (8 en Liga e 1 en Copa de la Reina), 5 delas como titular, co primeiro equipo, que alternou co filial.

No seu tres campañas co Dépor ABANCA B sumou 49 partidos (42 deles no once inicial), nos que anotou 7 goles.

Na última temporada de As Nosas, xa en Liga F, Elena Vázquez participou en 8 partidos, 4 deles como titular.

Móstrase "moi orgullosa de poder pertencer ao primeiro equipo do Dépor. Desde que es pequena o soño é aspirar ao primeiro equipo e máis o da túa cidade".

Do mesmo xeito que Monteagudo, Elena Vázquez agradece por "desde o primeiro momento darme todas as facilidades e poder facer que isto se conseguise máis fácil".