O Deportivo ABANCA respondeu á contundente vitoria matinal do seu principal perseguidor, o RCD Espanyol, que se impuxo por 0-3 ao Athletic Club B, cun triunfo polo mesmo marcador en campo do Madrid CFF B, co que o equipo coruñés conserva o liderado no inicio da segunda volta de Primera Federación Iberdrola.
A preparadora deportivista, Irene Ferreras, optou por dar descanso a algunhas das súas titulares indiscutibles, como a central Inés Altamira e a dianteira Millene. As grandes novidades no once inicial foron a canteirá Elena Vázquez e Marta Charle.
O equipo branquiazul comezou dominando até o punto de que non transcorreran 60 segundos desde o asubío inicial e xa acumulara dúas chegadas claras. A primeira, nun centro de Ainhoa Marín ao que non chegou ADT por moi pouco. A segunda, nun disparo afastado de Eva Dios que se foi desviado.
A propia futbolista pontevedresa acariñou o gol novamente nunha cabezada a centro de Charle no minuto 8, pero o seu remate foise alto. A primeira ocasión do conxunto local chegou no minuto 19 e foi moi clara, posto que Natalia Serrano estrelou unha cabezada no traveseiro nunha falta colgada á área.
Pese ao dominio coruñés, as ocasións non se prodigaron no segundo tramo da primeira metade. As accións máis claras foron un dereitazo afastado de Paula Gutiérrez por riba do traveseiro, no minuto 32, e dez minutos despois, un disparo de Ana de Teresa que se perdeu rozando o pau despois de recibir un pase de Eva Dios.
A segunda metade arrancou con outra opción clara para o Dépor ABANCA, en botas de Ainhoa Marín, cuxo remate, despois de varios rexeites na área, foise lambendo a madeira. Corría o minuto 48. Pouco despois, unha man dunha defensa madrileña dentro da área castigouna a colexiada como penalti. Desde o punto fatídico abriu a lata Ana de Teresa.
A dianteira ibicenca abriu brecha no marcador só 7 minutos despois, após unha gran acción individual de Ainhoa Marín, cuxo servizo definiu á perfección a goleadora deportivista rematando ao primeiro pau. A '9' branquiazul xa suma 8 goles, igualando á españolista Lice Chamorro como máxima anotadora do campionato.
Se o Madrid CFF B tiña o partido costa arriba, a segunda amarela que viu Rocío Villena no minuto 68 acabou coas súas posibilidades.
A preparadora deportivista acordou entón dar descanso a algunhas xogadoras. A un cuarto de hora do final, Cris Martínez e Lía entraron por Samara e Eva Dios. A astorgana alcanzou así os 190 partidos oficiais co Dépor ABANCA, mentres que Lía achégase á centena coa súa aparición número 94 coa camiseta branquiazul.
No minuto 80, Raquel García redondeou o marcador, ao bater a Noelia Rivarola no man a man despois de recibir un gran pase de ADT.
Coa entrada de Carmen Carballada por Paula Gutiérrez no minuto 85, o Dépor ABANCA acabou o partido con 5 xogadoras galegas no campo (Elena, Sara, Lía, Lucía Rivas e a propia Carmen), ao que hai que sumar que Lía ingresou no terreo de xogo en lugar dunha sexta galega, Eva Dios.
As branquiazuis manteñen o liderado da categoría, con 33 puntos despois de 14 xornadas. O RCD Espanyol é segundo con 31 puntos, mentres que máis lonxe xa aparecen FC Barcelona B (25), Alhama CF (24) e SE AEM (22), que xogan mañá ante CDF Osasuna Femenino, DUX Logroño e CE Europa, respectivamente.
Madrid CFF B: Noelia Rivarola, Naara Miranda (Claudia Domínguez, min. 82), Natalia Serrano (Melgui, min. 61), Beatriz Mosquera, Pauline Monadier, Marina Rivas, Laura Aguado, Rocío Villena, Sofía Hernández, Laura Herraiz (Marina Salinas, min. 71) e Alba Rodao (Marta Molinero, min. 61).
Deportivo ABANCA: Lucía, Samara (Cris Martínez, min. 74), Raquel García, Elena, Sara, Ayaka, Paula Gutiérrez (Carmen Carballada, min. 85), Eva Dios (Lía M., min. 74), Ainhoa Marín (Lucía Rivas, min. 79), Charle e Ana de Teresa.
Goles: 0-1 Ana de Teresa, de penalti (min. 50); 0-2 Ana de Teresa (min. 57); 0-3 Raquel García (min. 80).
Árbitra: Melissa López Osorio (c. estremeño). Expulsou por dobre amarela a Rocío Villena (min. 68).
Incidencias: partido correspondente á 14ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no estadio do Centro Deportivo Municipal Antiguo Canódromo, no barrio madrileño de Carabanchel.
