RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA suma tres valiosos puntos fronte ao Athletic B (0-1)

O Dépor ABANCA sumou tres valiosos puntos en Bilbao fronte ao Athletic Club B mercé a un solitario gol de Millene mediada a segunda metade que supón un triunfo vital neste tramo final de temporada.

A primeira parte foi escasa en ocasións de gol. O primeiro achegamento produciuse no minuto 7, nunha chegada de Charle polo extremo esquerdo con centro para Millene, cuxa cabezada foise alta. O filial branquivermello respondeu con dous disparos afastados, nos minutos 9 e 14, que Lucía detivo sen problemas.

No minuto 17, unha falta colgada por Paula Gutiérrez non a puido rematar cara a portería Henar e Raquel García non puido remachar no segundo pau por escasos centímetros. Poucos segundos despois, Ainhoa Marín superou cun chapeu a saída da porteira ante un balón en profundidade pero o coiro foise á dereita da meta local por pouco. Tampouco puido chegar Millene, que buscaba gañar a carreira á pelota.

A mellor ocasión local chegou no minuto 31, nunha clara chegada pola dereita de Irati Martín que puxo raso o balón no punto de penalti e ninguén puido rematar. Henar afastou o perigo.

O Dépor ABANCA empuxou nos minutos finais do primeiro acto. No minuto 42, centro ao segundo pau de Ainhoa Marín após unha veloz internada e Eva Dios, ás toas coa dereita, enviou o balón rozando o traveseiro. Poucos segundos despois, Henar lanzou a Ainhoa Marín pola dereita e a catalá, após unha longa carreira, disparou cruzado pero frouxo a mans de Astralaga.

Na segunda metade, Irene Ferreras refrescou pernas dando entrada a Elena por Clara e a ADT por Charle.

Aínda así, o Dépor ABANCA non atopou a maneira de facer dano ao conxunto biscaíño, que estivo a piques de adiantarse no marcador no minuto 56. Irati Martín foise polo extremo dereito e soltou un dereitazo que repeleu o traveseiro.

Dez minutos despois, chegou o único tanto do encontro. Balón en profundidade no extremo esquerdo para Ainhoa Marín que ao entrar á área deixou a pelota rasa ao punto de penalti para que Millene, após controlar o esférico, fusilase a Astralaga. Foi o gol número 13 da brasileira, igualando o seu rexistro do pasado curso.

Non dispuxo de moitas ocasións o Dépor ABANCA, que puido sentenciar xa cumprido o minuto 90 nunha cabezada de ADT que desviou Astralaga e estrelouse no traveseiro. No tempo engadido, o Athletic Club B forzou varios saques de esquina, pero a zaga coruñesa afastou o perigo para acabar celebrando a conquista de tres puntos vitais.

Con esta vitoria, o Deportivo ABANCA suma 52 puntos, 4 máis que o RCD Espanyol, que horas antes goleou ao pechacancelas, o Madrid CFF B (5-0) para situarse con 48. O vindeiro domingo, en horario unificado (12:00 horas), o Dépor ABANCA recibirá en ABANCA-RIAZOR ao CP Cacereño Femenino e o conxunto perico visita ao FC Barcelona B, segundo clasificado provisionalmente con 51 puntos a falta de xogar mañá en Cáceres o seu partido da 24ª xornada.

Athletic Club B: Astralaga, Amaia, Bengoa, Laida, Nerea, Claudia Fernández, Iribarren, Irati Martín (Miranda, min. 80), Oihane San Martín (Estefa, min. 76), Thais (Ainhize Redondo, min. 65) y Uranga (Aretxabala, min. 65).

Deportivo ABANCA: Lucía, Samara (Lucía Rivas, min. 70), Inés Altamira, Raquel García, Clara (Elena, min. 46), Henar, Paula Gutiérrez, Ainhoa Marín (Lucía Martínez, min. 85), Eva Dios, Charle (Ana de Teresa, min. 46) e Millene.

Gol: 0-1 Millene (min. 66).

Árbitra: Coral Couso Cadrado (c. catalán). Non mostrou cartóns.

Incidencias: partido correspondente á 24ª xornada de Primera Federación Iberdrola disputado no campo 8 das Instalacións Deportivas de Lezama.