RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor acentúa o traballo táctico xa sen Yeremay, cuxa lesión o Club espera que sexa só unha anécdota

O Dépor acentúa o traballo táctico de cara ao partido deste domingo 10 de setembro ás 19:30 en ABANCA-RIAZOR (FEF TV) ante o CD Teruel, correspondente á 3ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

A sesión contou con todo o cadro salvo Yeremay, que iniciou xa o seu proceso de recuperación no ximnasio após confirmarse onte a súa lesión no peroné da súa perna dereita a raiz dunha acción dun futbolista do CD Lugo. Fernando Soriano, con motivo da presentación de Hugo Rama, manifestou que "levamos 2 partidos que non fomos afortunados na toma de decisións (a cargo dos árbitros). Mesmo o ampliaría ao Fabril. Temos que ser conscientes da importancia da competición e que é un aspecto que xoga e inflúe".

Nesta liña, lembra o Director Deportivo do Club "un gol no primeiro partido en posición legal que non subiu ao marcador e o outro día houbo algunha entrada con exceso de intensidade. Nunha delas a Yeremay supúxolle unha fractura. Espero que sexan só unha anécdota e que non teñamos que lamentarnos nin ter que falar máis do tema".

Explica que non houbo queixas á Federación Española: "Acabamos de empezar. Esperamos que sexa só circunstancial. Non houbo fortuna nas decisións nin en ABANCA-RIAZOR, nin co Fabril. Se cae a moeda nun sentido, se cadra nun momento determinado teremos que mostrar algunha queixa".

Entende ao estamento arbitral porque "vir a ABANCA-RIAZOR non é sinxelo. Queres mostrar esa valentía e se cadra esa valentía torce en situacións que non gustan. E cando vas fóra é ao revés. Atópasche campos nos que a tensión é maior que noutros momentos e iso pode afectar. Imos estar pendentes, atentos e confiar que isto sexa circunstancial".

Fernando Soriano pensa que no partido no Anxo Carro "houbo outras accións peores que a que se produciu a lesión. Houbo unha entrada a Pablo do mesmo xogador, outra a Lucas... Son situacións do fútbol que lle provocan a lesión. Vaise traballando ano tras ano. Algo co VAR corrixiuse nalgunhas acciones pero na nosa categoría non dispomos de VAR. Por conseguinte, os árbitros, liñas e cuartos árbitros teñen que estar bastante pendentes para velas en directo".

Esta mañá Imanol Idiakez dispuxo após unha activación e unha roda de pases, un xogo de posición. A continuación, o técnico deportivista subliñou aspectos tácticos nunha tarefa de fútbol condicionado e de área a área, en espazos amplos.

Brais Val, Tim, Martín Ochoa e Jairo foron hoxe os representantes de #ANOSACANTEIRA.

Mañá venres, o cadro está citada para almorzar en Abegondo a partir das 8:30 e saltar ao céspede a partir das 10:30.

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK